Dentro da Expo é un proxecto persoal e individual con vocación universal e colectiva. Eu, Carmen Elsa, son Historiadora da Arte e Xestora Cultural, e creo firmemente na importancia da democratización da cultura. Penso que a arte debe ser e estar feita por e para a xente, e para que isto sexa posible é preciso que o público xeral saiba que tamén é benvido nos espazos culturais.
A intención de Dentro da Expo é falar a todas esas persoas que sinten curiosidade pero pensan que non é o seu sitio. A idea é publicar breves recensións sobre exposicións locais que respondan ás preguntas fundamentais de que é o que se pode ver e onde. Así, a xente poderá ver que non fai falta pertencer a determinados contextos ou ter unha formación concreta para poder acudir ás galerías, museos e centros de arte. Só é preciso ter ganas e tempo. Vémonos nas exposicións!
