- Título: Sara Herranz & Simone de Beauvoir
- Artista: Sara Herranz
- Comisaria: Lucía Carballeda Suárez
- Ubicación: Galería Dupla (Santiago de Compostela)
- Duración: ata o 14 de xuño
- Prezo: gratuíta

O pasado 8 de maio inaugurouse unha nova exposición na galería Dupla de Santiago de Compostela. Nesta ocasión, as artistas en diálogo son unha ilustradora e unha escritora: Sara Herranz e Simone de Beauvoir. Lucía, a galerista responsable de Dupla, contoume que esta mostra xurdiu despois de que ela lira a versión ilustrada por Herranz de “La mujer rota”, de Beauvoir”. Seguía o traballo de Sara desde había lustros e tiña claro desde a apertura da galería que quería facer algo con ela, pero foi cando tivo esta obra nas súas mans cando viu clara a proposta. Púxose en contacto coa tinerfeña, que aceptou a idea encantada, e desa lectura saiu esta exposición.
Falei con Sara sobre como viviu este proceso e axiña respondeu que con moita ilusión. Ilustrar “La mujer rota” foi un proxecto moi ilusionante. Simone de Beauvoir: filósofa, profesora, escritora e activista feminista francesa, foi unha das intelectuais máis importantes do século pasado, e Herranz conseguiu os dereitos desta obra e fixo unha versión ilustrada, algo que ninguén fixera antes cunha peza de Simone. A oportunidade de unir de novo o seu traballo aos textos de Beauvoir, catro anos despois da publicación da súa versión ilustrada, pareceulle moi interesante.
A idea de Lucía non era simplemente coller as imaxes do libro cos fragmentos que ilustraban. Ten unha ampla experiencia comisariando exposicións que sae a relucir unha vez máis nesta ocasión: non só confronta a Simone e a Sara senón que ademais crea unha historia nova coa selección que expón nas paredes. En total son quince as ilustracións de Herranz que penduran das paredes brancas de Dupla enmarcadas en sendos discretos brancos paspartús. A artista imprime en alta resolución sobre un papel de algodón que non rouba protagonismo a esas personaxes en branco e negro que se namoran e desenamoran, que sinten angustia e pánico pero tamén un amor desmedido e que serán infinitos.
Herranz comezou facendo ilustracións acompañadas de texto, pero co tempo intentou que as súas imaxes falaran sen necesidade de apoiarse en palabras. As quince pezas que expostas en Dupla non precisan nin media letra para narrar historias enteiras, con escenas sinxelas pero moi evocadoras. Unha das miñas favoritas é “En las manos se muestra el amor primero”, na que se mostra o achegamento en tres fases de dúas mans ata chegar a entrelazarse. Sen ver corpos nin rostros podemos imaxinar a sensación de bolboretas no estómago, o rubor nas meixelas, o sorriso que se escapa cando se produce o primeiro contacto e as olladas tímidas por esa intimidade en público.
Hai dous apuntes que debo facer antes de seguir/ rematar: as quince pezas de Sara para esta mostra son en branco e negro pero nalgunhas hai un pequeno toque vermello (nos beizos, nas unllas, en forma de lume) e, se ben é certo que as ilustracións de Herranz carecen de texto, os seus títulos non están exentos de poesía. Para estimular a imaxinación dos visitantes, non hai cartelas, de modo que o primeiro achegamento as obras sexa libre de calquer condicionante. Algúns títulos que me gustaron especialmente son: “Despedirse, desnudarse, descubrirse”, “No puedo entregarme a unos brazos sin sentir ese arrebatamiento”, e “Que nada nos defina, que nada nos sujete” que, curiosamente, pertenecen a algunhas das pezas que máis chamaron á miña atención.
Os textos de Beauvoir dispóñense dunha forma case liviana, en contraposición co peso das súas reflexións. Lucía optou por ubicalos a diferentes alturas, por xerar diagonais que inviten a ollada do espectador a imaxinar de que fala e con quen fala. As ilustracións son de “La mujer rota” pero non se corresponden cos fragmentos seleccionados para a mostra, volvendo a esa idea que mencionamos ao comezo da nova historia que decidiu contar Lucía. Esta é unha exposición que ten moitas lecturas e pode percorrerse de moitas formas, non hai un sentido marcado e unha visión única. Tanto Simone coma Sara traballan nunha liña profundamente existencialista, polo que a mostra invita indudablemente á reflexión, é profundamente inspiradora.
Pregunteille a Sara que como lle gustaría que a xente se achegara a esta exposición, e respondeu que lle gustaría que o fixeran desde a curiosidade. Recoméndovos moito que vos animedes a visitar este diálogo que se está a producir no número nove da rúa da Fonte de Santo Antonio, en Santiago de Compostela, porque de seguro que o que escoitaredes vós será diferente ao que percibín eu. Tendes ata o 14 de xuño, non vola perdades!