“In/Out”, exposición de Teresa Carneiro en Moret Art.

  • Título: In/Out
  • Artista: Teresa Carneiro
  • Comisaria: Nuria Blanco
  • Ubicación: Moret Art (A Coruña)
  • Duración: ata o 16 de maio
  • Prezo: gratuíta

O pasado 14 de febreiro inaugurouse en Moret Art a exposición “In/Out”, protagonizada polo último traballo da artista portuguesa Teresa Carneiro. É a primeira vez que Carneiro expón neste espazo, situado no número 1 da rúa Uruguay de A Coruña, fronte ao icónico Palacio da Ópera. Igualmente icónica é a porta vermella que tanta personalidade da ao exterior da galería deslizándose baixo os neóns que proclaman o seu nome e a súa intención: “moretart” e “arte contemporáneo”.

Moret leva funcionando desde o 2008 co obxectivo de impulsar e difundir a arte contemporánea que alberga entre catro e seis mostras ao ano. Ademais de ter un calendario expositivo completo, atractivo e bastante centrado no talento galego (que podedes consultar na súa páxina web), realizan proxectos de consultoría vinculados á tasación e catalogación de obras de arte, sendo a primeira consultora especializada en arte con sede en Galicia.

Nesta ocasión a artista que protagoniza a mostra non é de orixe galego pero é veciña. Trátase de Teresa Carneiro, pintora portuense cunha obra moi figurativa caracterizada pola constante presencia feminina, envolta nunha aura sensual e íntima. Carneiro é unha magnífica retratista cun innegable dominio da forma, conseguindo un gran realismo nas súas pezas. Comezou a expoñer grazas ao impulso do galerista Nuno Sacramento, quen sempre creu nela e lle abriu portas no mundo da arte. O seu traballo foi exposto en varios espazos tanto colectiva como individualmente, e forma parte de varias coleccións privadas. Leva anos ampliando a súa presencia a nivel nacional e internacional e colaborando con diferentes espazos, e así e como, de maneira orgánica, chegou a Moret Art.

Esta é a primeira vez que expón en Galicia. Para este proxecto pintou catorce cadros que capturan as emocións, que falan de como o interior sae ao exterior (daí o título da exposición, In/Out, dentro/fora). Tiven a sorte de poder falar con ela e contoume que o seu proceso creativo nace da vontade de explorar a figura feminina máis aló da súa apariencia, buscando transmitir emocións, fraxilidades e fortalezas. Gústalle traballar con superposicións e fragmentacións que lle axudan a mostrar unha identidade en constante transformación, “como se cada muller tivese múltiples capas de vivencias e sentimentos”. Explicoume que intenta equilibrar os contrastes “entre a delicadeza e a intensidade, entre o inacabado e o detallado”, porque sinte que iso reflexa a complexidade de ser muller.

A maioría destes cadros preséntanse en formato cadrado, xeralmente de grandes dimensións. Táboas de madeira de 120×120 cm, de 100×100 cm ou de 80×80 cm, chamativas xanelas polas que asomarnos ao interior destas mulleres belísimas e rotas, perfectas e perdidas, anxelicais e atormentadas, feridas pero imparables. Chamoume a atención esta elección de tamaño e pregunteille a Carneiro, que respondeu que lle gusta o impacto que xeran estes formatos cadrados de gran escala, destacando tamén que permiten que a figura feminina teña presencia no espazo sen limitacións e que a desafían a equilibrar as composicións, a crear un diálogo entre os fondos expresivos e as figuras detalladas mantendo sempre certa lixereza e fluidez.

Neste constante xogo de contrastes que caracteriza á súa obra é importante mencionar ás súas protagonistas. Mentres que Teresa busca -e consigue- reflexar e transmitir emocións capturándoas no rostro feminino, estas mulleres que retrata non son “reais”, son mulleres construídas a base de rasgos, son Frankensteins* fermosos. Cada personaxe construída pola artista nace do equilibrio entre espontaneidade e precisión. Conta Carneiro que para os fondos, que aportan liberdade e imprevisibilidade, usa técnicas mixtas, mentres que as figuras, que requiren unha construcción máis controlada e delicada, son debuxadas exclusivamente con pasteis de acuarela (podedes ver o seu proceso no seu perfil de instagram). Esta combinación dalle a posibilidade de explorar a luminosidade, os contrastes e a profundidade emocional de cada personaxe.

Pregunteille a Teresa que lle gustaría que o público apreciara da súa obra, con que lle gustaría que se quedaran despois de ver a exposición. Díxome que máis aló da estética, interésalle que as persoas sintan algo ao mirar as súas pinturas. Que perciban a dualidade entre a forza e a fraxilidade, entre o visible e o oculto. Gustaríalle que as súas pezas foran unha invitación para o observador a entrar nese universo íntimo no que, dalgún xeito, atopar un reflexo das súas propias emocións. Non quere que o espectador busque unha historia pechada, preferiría que se deixen levar polas sensacións que a pintura esperta. Afirma que sempre hai algo de persoal e universal nas figuras que retrata, e cadaquen pode encontrar unha interpretación distinta. “Ese vínculo silencioso entre a obra e quen a contempla é o que máis me fascina“.

Supoño que por iso todas as súas mulleres teñen sempre esas olladas inevitables. As catorce figuras de beizos carnosos, tez perfecta e rostros anxelicais que chegaron a Moret levan a dor, a ferida e a pena impresa na pel, pero manteñen a cabeza erguida e teñen tamén un halo de dignidade e de forza. Por gris e frío que poida parecer o seu contexto, o importante é o que o vermello da súa boca conta: que a cor a poñen elas, que non necesitan máis. Podedes visitar esta exposición ata o 16 de maio, non vola perdades.

*si, tecnicamente Frankenstein é o doutor e sería monstruo de Frankestein, pero todos nos entemos aquí.

Deixar un comentario