“The End”, exposición de Carlos Aires na Fundación DIDAC.

O pasado 21 de febreiro inaugurouse The End, a primeira exposición individual de Carlos Aires en Galicia. O escenario desta mostra é a Fundación DIDAC, unha organización “de interese galego e sen ánimo de lucro, que nace coa intención de divulgar e proxectar o deseño e as artes contemporáneas”, ubicada no número 12 da rúa Pérez Costanti, en Santiago de Compostela. Achegueime hai uns días a visitala e a sorpresa foi tan grata que estaba desexando contarvos todo sobre estas pezas de Aires que debedes ver en persoa para poder apreciar na súa totalidade. Tiven a sorte de atoparme alí con Mónica Maneiro, directora artística da fundación, que comentou conmigo algúns detalles da exposición, da que é a comisaria.

Esta primeira mostra de Carlos Aires na nosa terra traza varias conexións. O artista andaluz trae a Galicia unha canción de hai case seis décadas que plasma co seu propio sangue nunhas elegantes serigrafías. O crúor de Aires exténdese sobre o papel para dar forma a The End, o tema co que Jim Morrison despedía no 1966 a unha parella sentimental. O resultado é unha partitura colaborativa na que letra e música pertencen a The Doors e súor e sangue (ou máis ben, só do segundo), a Aires. Esta canción de amor ten como portada unha ilustración inspirada na labor do anatomista bruselense Andrés Vesalio, concretamente na súa gran obra De humani corporis fabrica, considerado o primeiro tratado moderno de anatomía. A primeira peza das cinco que conforman esta obra contén o título, esa firma a dúas mans que conecta o Estados Unidos dos sesenta coa España actual en apenas dous renglóns, e un ollo do século XVI que non ten párpado que o cubra e mira ao frente e ao infinito, unha ollada das mil iardas disecada á que se lle escapan dos músculos o T H E E N D que da nome á canción, á colaboración, á mostra e ao momento que vivimos, nun mundo “marcado pola violencia, o xenocidio e a ansiedade suicida”.

Chamoume a atención o enmarcado escollido, esa sorte de caixas grises que exhiben a lírica dunha forma case aséptica. Pregunteille por elas a Mónica e explicoume que precisamente esa “esterilidade” era o que buscaba Aires, que construiu estes marcos imitando as mesas de autopsia. O ollo, a relación que morreu e o seu sangue descansan nestas caixas-mesa nas que só cabe respectar o cadáver e descubrir o motivo da súa chegada a esta estación, sempre con guantes, profesionalidade e evitando a contaminación. Un arreguizo repta do nocello á caluga e conxela durante uns segundos o aire, enrarecido pola combinación de música, imaxe e dor.

Ao tempo que os nosos ollos percorren as liñas do pentagrama buscando culpables ou motivos, os nosos ouvidos perciben o fío musical que acompaña a esta mostra. O artista granadino creou unha playlist que podemos escoitar en Spotify (tedes o enlace aquí) con cancións que falan de ruptura, de desamor, de finais. Ao xirarnos atopamos na parede dereita o código QR que nos dirixe a esta lista de reproducción e, ao seu carón, vemos as caixas nas que viaxan as obras tatúadas con mensaxes que piden coidado desde a vulnerabilidade máis humana “treat me with love“, “extremely fragile“.

Acompañando a estas caixas ou acompañado por elas está o propio ataúde de Carlos, construído a imitación dunha caixa de transporte de arte pero coas medidas do corpo do artista. Está presente nas súas mostras desde o 2011, como demostran as pegatinas que falan dos seus anteriores destinos, lembrando máis a cicatrices que a souvenirs. No seu interior está escrito o After I’m gone de Jimmy Scott, outro tema musical de despedida que podemos visualizar na pequena pantalla que pende preto desta caixa mortuoria e nos introduce na mesma sen romper co seu sellado.

Despois de observar e escoitar o final, toca introducirse nel. Na sala “do fondo” da DIDAC desprégase a instalación El mundo, un retrato do derrube da cultura occidental “asentada na busca de coñecemento, nos mitos, as artes e o afán científico, pero tamén na loita relixiosa, na pugna polo territorio, na alienación e a distopía”. El mundo é un bosque de puntais que sosteñen e sosteñense cun conxunto de esculturas. Os puntais de ferro teñen gravadas a lume frases pertencentes a cancións que foron ou son parte da banda sonora da vida de Carlos, que o acompañaron nalgún momento igual que o acompañaron as da playlist á que temos acceso nesta mostra. Quizais nalgún destes postes atopemos un verso que nós tamén teñamos cantado a pleno pulmón no coche, tarareado mentres facíamos unha tarefa ou susurrado mentres contiñamos as bágoas co corazón nun puño ou en mil anacos.

As esculturas que acompañan, sosteñen e son sostidas polos puntais-cantantes están feitas en latón, modeladas en 3D a partir de arquivos dixitais que replican seccións de grandes esculturas, “obras mestras da historia da arte que serviron para representar o ideal de beleza, proporción e a grandeza da cultura clásica”. O amarelo das barras contrasta co dourado das figuras narrando a diferencia entre ambas, a sinxeleza das primeiras e as pretensións das segundas, a claridade do ferro pulido e as sombras que xurden dos volumes do latón. Aires fragmenta iconos da cultura occidental e os dispón ao seu antollo, facendo que a Afrodita de Cnido sosteña na súa cabeza os soños de Fleetwood Mac ou que os versos do videoclip máis polémico de George Michael sosteñan a Cristo crucificado.

Podemos pasear entre os puntais durante horas e resignificalos unha e outra vez, atopando diferentes interpretacións a cada perspectiva, cada combinación e cada palabra. O importante non son os versos individuais ou a selección de ídolos caídos, senón a mensaxe conxunta. Esa liña que conecta a cultura occidental “tradicional” coa cultura pop e a mensaxe de que o mundo está a arder. Non todo é desazón, tamén está innegablemente presente a idea de soster, de sosternos, de axudarnos. Ante o derrube, o apuntalamento. Ante a caída, o sostén.

Cando lin a folla de sala pensei que non facía falta que fixera recensión algunha porque estaba todo explicado alí, un traballo impecable. Ese texto curatorial (que xa citei en parágrafos anteriores e podedes ler aquí) resúmeo da seguinte maneira: “The End lévanos a pensar no final dun ciclo e en ídolos caídos, pero tamén na esperanza, na nosa capacidade de apuntalar, de soster de forma individual e tamén colectiva, para evitar a destrución”.

Recoméndovos encarecidamente que vivades esta exposición. É fundamental visitala e percorrela, as fotos non lle fan xustiza porque non captan todo o compoñente sensorial que forma parte deste final que tamén é un principio. Tedes ata o 16 de maio para achegarvos, non vola perdades.

Deixar un comentario