“A hierro”, exposición de irene grau na galería Vilaseco.

  • Título: A hierro
  • Artista: irene grau
  • Comisaria: Miriam Vilaseco
  • Ubicación: Galería Vilaseco
  • Duración: ata o 16 de maio
  • Prezo: gratuíta

A mediados de marzo (o día 14) inaugurouse na galería Vilaseco A hierro, a primeira exposición individual de irene grau neste espazo coruñés. Podedes visitala ata mediados de maio (o día 16) no primeiro andar do quinto portal da rúa Feijoo. Eu achegueime a vela en dúas ocasións e penso que podería acudir algunha que outra máis, que sempre hai unha nova lectura. A primeira vez que fun, nunha tranquila tarde de mércores, recibiume Miriam, directora da galería e comisaria da exposición. A segunda, nunha primaveral mañá de sábado, estaba alí a propia irene, falando do proceso ante o resultado.

Esta exposición é luminosa e solemne, recollendo a elegancia e a forza da natureza nuns lenzos grandes e pequenos que descansan en Vilaseco coma se ese fora o seu fogar. A súa orixe remóntase aos Pireneos, a unha visión do río Unhòla tinguido de vermello alaranxado deslizándose polas ladeiras do Mauberme coma unha serpe de óxido nada nas abandoadas minas de Liats e Urets. Foi baixando este pico do Val d’Aran cando irene e o seu amigo Sergi, percibiron o inconfundible ulido do ferro e observaron a estampa en todo o seu esplendor. A imaxe desa incisión sangrante que coloreaba as pedras ao seu paso e dividía a gama de verdes cunha mistura de calidez e furia quedou dando voltas na cabeza de grau, sabedora de que faría algo con isto.

Tempo despois, xa de volta en Galicia, acude á controvertida mina de Touro-O Pino e ao seu punzante cheiro a azufre e metal. Os vertidos contaminantes da antiga explotación chegan a ríos como o Portapego e os tinxen do mesmo vermello alaranxado que irene xa vira no pireneo catalá. Nesta ocasión a artista atópase con tramos que describe como “cenagal arxiloso tintado de óxido” que compara con areas movedizas polo espesor e a súa viscosidade. Precisamente nestas enlamadas beiras do sanguinolento caudal do Portapego quedou cativa grau, con lodo vermello ata os xeonllos e tendo que axudarse dun pau para poder sair dese castigo. Fixo a primeira recollida de material e liberouse da trampa, aliviada de pisar terra firme pero tendo claro que isto era un ata logo.

Estas dúas feridas de auga que flúen por litorais opostos da península pero falan dun mesmo crime son as protagonistas desta mostra. Quedan capturados os efectos desa acción humana que transforma a paisaxe e non a repara despois, unha vez cesada a actividade. A natureza denuncia ese pasado e as consecuencias que perduran no presente e grau escoita a acusación e a recolle, como mediadora e como altavoz. Plenairista conceptual, plasma nestes lenzos unha paisaxe na que a auga, a herba e o vento están tinguidos de vermello, laranxa e ocre, usando aos propios protagonistas como ferramentas. Conta irene que Sergi e ela subiron e baixaron o Mauberme a hierro, que saiu da lama a hierro e que estes cadros están pintados a hierro. O nome da exposición non podía ser outro, porque así foi feita e de iso está feita.

Entre finais do 2023 e principios do 2024 a artista capturou estas obras debuxadas polos suspiros do vento, polo discorrer da auga e polos aloumiños das herbas. irene arrastrou os cadros húmidos pola paisaxe e deixou que esta creara o seu autorretrato usando como pigmentos o óxido de ferro e a auga do río. Explica que “a vexetación non está representada, simplemente está aí e é de hierro. Igual que o río. Igual que o vento e que a paisaxe estratificada. Todo é líquido e se ondula nun movimiento máis o menos denso. A paisaxe se pinta a si misma; a hierro”.

É imposible redactar unha frase que afirme “ao entrar na galería o primeiro que vemos é…” porque o espazo é tan diáfano que depende de onde poña cada un a atención. Fronte a porta hai unha mesiña que invita á reflexión e á pausa. Sobre ela, unha tablet reproduce unha breve curta filmada por Carmen Verdú entre novembro do 2023 e febreiro do 2024 -e que podedes ver na páxina de irene– na que nos achegamos a este proceso de co-creación. Vemos como respiran, flúen e viven as paisaxes que agora repousan nas paredes da galería e presenciamos ese mergullar dos cadros no río para que este poida contar a súa historia. Xunto ao dispositivo dixital temos un analóxico, unha publicación con fotografías do proceso e un texto redactado pola artista que nos leva a eses verdes atravesados, ao aire impregnado de ulido, ao discorrer da ferida.

Nas paredes os cadros varían de formato e de cor, varían de altura e disposición, penden ou se recostan e contan o mesmo pero con diferentes acentos, unha vivencia colectiva narrada de forma individual. Algunhas pezas brillan pola mica e parecen albergar constelacións descoñecidas. Outras semellan evocan ás ondas producidas ao facer saltar os pelouros pola superficie da auga. Noutras as vagas parecen dedos que acariñan a tela, cando non rabuñazos que pretenden atravesala. Algunhas lembran ao ceo de noite, outras ás pedras, outras ao queixo. Todas a hierro.

Deixar un comentario