- Título: Cando a paisaxe se fixo verba
- Artista: Christian Villamide
- Comisaria: Paula Cabaleiro
- Ubicación: Galería NÉBOA
- Duración: ata o 31 de maio
- Prezo: gratuíta

O pasado 4 de abril inaugurouse na galería Néboa Cando a paisaxe se fixo verba, exposición individual de Christian Villamide comisariada por Paula Cabaleiro. Tras case unha década sen expoñer na súa cidade natal, o artista lucense regresa á súa casa coa comodidade de estar no fogar e a emoción de entrar nun espazo novo. Esta mostra é ao tempo un retorno e un comezo, xa que esta é a primeira vez que Villamide expón en NÉBOA, galería fundada en 2023 por Alba López Porto no barrio da Milagrosa, no número 31 de Lamas de Prado, en Lugo.
NÉBOA nace tamén dun regreso, neste caso o de Alba. Tras anos traballando en galerías nacionais e internacionais, a lucense desexaba tornar a casa, volver a vivir en Galicia e afastarse do constante frenesí das grandes cidades. Trouxo todo o aprendido nas súas experiencias laborais e erixiu NÉBOA, unha galería de arte contemporáneo que “procura construír un proxecto sólido e de referencia no contexto galego e estatal, fomentando o coñecemento, o coleccionismo e o acceso á arte contemporánea desde unha ollada próxima, comprometida e sostible.”
Neste cubo branco ao que podemos asomarnos desde a rúa grazas ao seu enorme ventanal, Alba desenvolve unha programación expositiva que “combina rigor curatorial e liberdade creativa, cun enfoque atento aos relatos contemporáneos e ao diálogo entre linguaxes e disciplinas.” A galería busca promover prácticas artísticas que conecten coa identidade, a natureza e a esencia humana, tendo como misión principal “ofrecer un espazo onde a emoción e a reflexión ocupen un lugar central, apostando por proxectos que interpelen ao espectador desde a sensibilidade, o pensamento crítico e o coidado formal.”
Coñecendo os valores sobre os que se cimenta o espazo, é imposible pensar nun lugar mellor para esta mostra de Villamide, para este retorno ás orixes. O artista chega a NÉBOA acompañado por Paula Cabaleiro, comisaria desde hai máis dunha década cunha completa traxectoria no sector cultural a nivel rexional e nacional, actualmente membro do Consello da Cultura Galega. Cabaleiro adoita desenvolver a súa labor como comisaria no ámbito institucional, con puntuais excepcións coma esta, motivada pola confianza que ten con Villamide. Artista e comisaria teñen colaborado en varias exposicións colectivas e individuais, sendo a máis importante In landscape mode, a mostra en solitario que prepararon para o CGAC no 2019.



As paisaxes de Christian despréganse en NÉBOA, que as exhibe antagonizando o seu nome, deixando que cada peza brille, evoque e fale. Nesta exposición, seguindo na liña do seu traballo, o lucense é un paisaxista sen romanticismo, un reivindicandor da ollada reflexiva e non só contemplativa do mundo que habitamos, da natureza que nos rodea e á que maltratamos. Villamide captura, constrúe e reconstrúe a paisaxe poñendo no centro os puntos que normalmente sacamos do encadre. Mostra a paisaxe industrial, mostra os non-lugares, mostra todo aquilo que queda ás costas dos miradores, que tentamos agochar cando facemos gala da gama de verdes e azuis. Entre as árbores, o cemento; nas montañas, as minas; polos campos, os escombros.
Precisamente estes últimos son os protagonistas da serie que ocupa a parede principal da galería. Sobre catro peanas repousan as Poéticas do desescombro do artista lucense, construídas con restos de madeiras, metais e rochas; erixidas con escombros que deixan de ser resto para formar un novo todo baixo a dirección de Christian, que as resignifica ao dispoñelas evocando cordilleiras, serranías e macizos.





Seguindo unha lectura occidental deberíamos comezar pola parede esquerda, aquela coa que nos atopamos ao pechar a porta. A serie de fotografías Spirit level álzase coma unha torre de catro pisos adicados á denuncia e á posta en valor. Estas instantáneas retratan as paisaxes industriais no canto de ocultalas, dándolle ás fábricas o mesmo trato que a calqueira outra construción monumental, capturando os detalles das vigas coma quen fai zoom nos arbotantes dunha catedral gótica.
Villamide ensina estes edificios e o entorno que explotan, alegando por unha banda que a beleza está no cotiá, presente en todas partes, mesmo naqueles lugares socialmente considerados feos ou brutos, e pola outra o exercicio contemplativo da natureza non debe excluír á acción do home, que non podemos negar as constantes probas do noso uso e abuso decidindo pechar os ollos ante as feridas da terra. Ao carón desta atalaia temos Fluorescent mountain II, unha montaña de plomo realizada con materiais de refugallo industriais, compañeira idónea das fotografías que lle dan vida e morte, permitindo que exista esta peza pero acabando coas súas homónimas, coas que non son fluorescentes senón verdes, marróns e brancas.




Ao rematar de pasear polas Poéticas do desescombro e de escoitar o seu relato chegamos a Topografía con metais pesados, unha montaña de madeira que se asenta no chan trazando unha diagonal ata a rúa e unha vertical ata o ceo, emerxendo dun bosque invisible para nós pero real para ela. Esta escultura froito da combinación de tres corpos angulosos compostos de diferentes madeiras e intervidos con pintura metalizada alude á extracción de recursos naturais, ao constante abuso por parte dos humanos, xa parte da paisaxe.
Alzando a vista chegamos a Paisaxe “freelance”, que pende coma un trofeo de caza non violento, paisaxe primixenia que recolle nunha lixeira ensamblaxe hectáreas e hectáreas de bosque. Falei con Paula sobre esta peza, da que me contou que é a máis antiga das que podemos observar na mostra e que é o perfecto exemplo do traballo de Villamide, de como o artista combina restos industriais e orgánicos para crear outras paisaxes posibles. Como apunte especial, contoume que ao observar a peza con mimo e atención a ollada repara nunha tablilla de madeira cun debuxo feito polo fillo de Christian cando era neno, un detalle reservado para o espectador pausado, que saborea e dialoga con cada peza. Artista, comisaria e galerista invitan a unha ollada atenta, a observar con detenemento, a pousarse sen présa. En palabras de Alba:
Gustaríame que quen a visite se deixe afectar polos distintos materiais e técnicas, que repare na convivencia entre o orgánico e o artificial, nas feridas discretas da paisaxe e nas marcas que deixamos. Que atope nesta mostra unha poesía da terra, pero tamén unha denuncia sutil e silenciosa.
Esta exposición é unha invitación a escoitar a natureza, a recoñecer a paisaxe como memoria encarnada. Lémbranos que a terra tamén fala, tamén lembra, tamén sente. Gustaríame que quen a atravesa saia cunha mirada renovada: máis consciente e atenta.



Tras a columna que agocha Paisaxe “freelance” desprégase Natureza jareada, unha peza que non pasa desapercibida nin para visitantes nin para transeúntes. Unha manta térmica dourada acompañada de aceiro e la virxe inspirada na jarea -a técnica de secado ao sol do pescado- denuncia o que facemos coa natureza, como especulamos con ela, como a “exprememos ata sacarlle todo sen o máis mínimo interese polo que estamos a facer.” Non é ouro todo o que reluce, especialmente neste caso.
A última peza da exposición é Fluorescent mountain, unha pequena barra de estaño/plomo e laca que se despega da parede proxectando unha montaña nela. Un susurrado eco, unha sutil pincelada, unha case virgulilla capaz de resumir un monte en apenas 25 centímetros. Practicamente todas as pezas están conectadas polos acentos en verdes fluorescentes e tóxicos que chaman a atención ao tempo que son claramente antinaturais, deixando patente que hai algo ao que atender, algo fora do normal. Todas comparten discurso e denuncia, todas invitan á reflexión, á crítica e á autocrítica. Cando a paisaxe se fixo verba lévanos á natureza para que a escoitemos, para que atendamos ás consecuencias, para que deixemos de darlle ás costas.



Explicoume Alba que esta exposición encaixa de maneira moi natural na filosofía da galería, xa que o traballo de Villamide “dialoga directamente coa esencia do que NÉBOA procura: unha arte que conecte co emocional, co simbólico e co territorio.” Conta a galerista que Cando a paisaxe se fixo verba naceu da vontade compartida de “explorar a relación entre paisaxe e linguaxe, entre territorio e memoria, entre materia e palabra.”
En completa sintonía con Alba e Christian é fundamental destacar o traballo de Paula: comisaria, mediadora, traductora, intérprete. Cabaleiro dialoga co artista e co seu traballo para crear o discurso final, redactando unha introdución poética e reivindicativa a modo de texto curatorial -que podedes ler aquí– acompañando ás pezas e invitando á reflexión. As palabras da comisaria acompañan e complementan unha mostra redonda, equilibrada, completa sen ser pesada, reivindicativa sen resultar agresiva. O traballo de Villamide encontra en NÉBOA un novo refuxio no bosque sagrado, un novo punto de encontro, un novo altavoz.