- Título: Endless Game
- Artista: Diego Cabezas
- Comisaria: Lucía C. Suárez
- Ubicación: Galería Dupla
- Duración: ata o 16 de maio
- Prezo: gratuíta

Diego Cabezas é un escultor coruñés que levaba darredor dunha década vivindo en Barcelona mentres a súa obra viaxa por todo o mundo. Recentemente regresou á cidade de cristal e Lucía, a directora de Dupla, non quixo deixar pasar a oportunidade. Esta mostra é coma ver un arco da vella de noite, un evento especial que só pode producirse cando cada elemento está na posición precisa. Diego está na Coruña, ten obra para expoñer (case nunca ten pezas no estudo, sempre están camiño a un novo fogar) e Lucía ten Dupla lista para acoller o evento. Ver unha peza de Cabezas en directo é tan difícil como máxico, ver unha decena delas é practicamente un soño.






Todo comeza coa danza do pilot sobre o papel. Diego debuxa libremente bocetos que despois convirte en esculturas. As mesmas liñas que se deslizan e reviran polas follas das súas libretas álzanse en ferro fundido para rachar co aire e xogar coa luz e a sombra. Co paso da tinta ao metal os escultóricos debuxos de Cabezas atopan o eco no aire, que reproduce e reinterpreta a súa figura desde ángulos caprichosos e impredecibles.
Contoume Diego que xa na escola enchía as marxes dos cadernos de clase. Esas mans que tiñan que copiar dictados, escribir resumos e resolver contas evadíanse dos seus deberes trazando personaxes que pertencían ao mundo interior do artista, estranxeiros ao currículo académico. Cando a actividade das marxes pasou a ocupar o total da folla quedou claro onde estaba o lugar de Cabezas. Matriculouse en Escultura na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso, consciente de que as súas mans precisaban traballar o material, palpalo, moldealo.
Lembra que nos seus primeiros contactos coa soldadura sentía un profundo respecto pola técnica. A combinación de ruído, fume e lume provocaban no artista unha mistura de curiosidade e temor, debatíndose entre a apreciación da escultura primaria, digna e completa sen necesidade de estar cuberta; e a impresión que sentía ao ver saltar as chispas cando o seu profesor preparaba estes armazóns. Gañou a curiosidade e Diego comezou a soldar para materializar as súas liñas no aire, para sacar os seus debuxos das marxes, para cambiar o papel polo mar, pola herba, pola area.






Dupla convírtese nunha destas follas ateigadas de personaxes con Endless Game, unha mostra divertida, lixeira e case onírica que podería lerse coma unha esquemática biografía do artista, coma unha poesía visual sobre o seu romance coa liña e o espazo. Desde a rúa vemos o móbil que conforman Máscara e Luna, dúas follas de aceiro que penden despreocupadas, livianas, xoguetonas. A luz rebota na súa superficie plateada e reflíctese no exterior invitando aos transeúntes a seguila, faro ata a galería, manto de estrelas-guía.
No interior, os ferros de Cabezas descansan sobre peanas deixando que as sombras dancen ao seu redor. As esculturas soñan, durmen, voan, manteñen o equilibrio e sosteñen a ollada. O negro convive coa cor, que o artista aplica ás obras con pinceladas pacientes e delicadas nas que disfruta do contraste entre a robustez do ferro e a liquidez da pintura, entre as chispas do lume e as pingas do esmalte. O resultado é unha sensación constante de xogo harmonioso, como o piar dos paxariños celebrando a primaveira, como a banda sonora da alegría dun patio escolar na hora do recreo.







Diego está namorado da escultura, disciplina da que vive e pola que vive. As súas pezas, lixeiras como se soldara algodón, enmarcan o ceo, son atravesadas polo vento e aséntanse na superficie coma se tiveran brotado dela, sexa esta rocha, herba ou area. A luz danza con elas creando infinitas combinacións e elas déixanse cortexar coma se foran musas, misteriosas e fermosas, recoñecibles e inalcanzables, pertencentes a un mundo ao que só podemos asomarnos. Visitade Endless Game e xogade, soñade e voade vós tamén