- Título: Xesús! 70 anos de Campos
- Artista: Xesús Campos Álvarez (Chichi Campos)
- Comisario: Nico Campos
- Ubicación: Fundación Luis Seoane (A Coruña)
- Duración: do 21 de abril do 2023 ata o 1 de outubro do 2023.
- Prezo: gratuíta
O pasado venres 21 de abril inaugurouse na Fundación Luis Seoane unha exposición individual da obra do humorista gráfico Xesús Campos Álvarez -máis coñecido como Chichi Campos- comisariada polo seu fillo, Nico Campos. A inauguración comezou ás 8 da tarde e media hora despois deron o discurso de presentación Silvia Longueira, Nico Campos e Xosé Díaz ante un público tan numeroso como atento.

Silvia Longueira -a directora da Fundación Luis Seoane- explicou que esta é a primeira retrospectiva en trinta anos sobre a obra de Chichi Campos, que se completa co documental “Chichi e máis eu” e unha publicación que editará a Fundación con traballos inéditos do artista pertencentes ao Fondo Documental de Chichi Campos. Ademáis, contou que dixitalizaron a tipografía Chichi Campos que será de uso libre, para que a súa obra permaneza.
Nico Campos agradeceu a posibilidade de reivindicar a figura do seu pai, labor que comezou coa publicación de “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)”, unha reedición dun recopilatorio do 1992 que recollía os artigos de escritos por Campos entre o 1983 e o 1991. Esta nova edición, que conta con máis de trinta colaboracións, fíxose para recuperar á figura do artista e financiar “Chichi e máis eu”, o documental dirixido por Nico que elabora un retrato de Chichi mediante entrevistas a amigos, colaboradores e familiares. O comisario explicou que o recopilatorio se centra na obra escrita do seu pai, o documental na súa vida e a exposición na obra pictórica, buscando retratar todas as versións de Chichi e achegalo ao público novo.
Xosé Díaz é un dos patróns da Fundación, o fillo de Isaac Díaz Pardo e un gran amigo de Chichi. Nas súas palabras notábase o profundo aprecio que sinte por el, a quen definiu como “un personaxe dunha intelixencia extraordinaria que soubo diseccionar a época que lle tocou vivir”. Vendo a exposición é evidente que o cariño co que estaba pronunciada esta frase non lle quitou un ápice de verdade.



“Xesús! 70 anos de Campos” é a exposición máis grande das que comentei ata agora, reunindo máis de 300 pezas dun autor extremadamente prolífico que tristemente faleceu moito antes do esperable. Xesús Campos (1952-1991) naceu en Tenerife porque o seu pai era militar e estaba destinado en La Laguna, pero axiña volveu a Galiza e levouna sempre na sangue, na lingua e no trazo. O seu compromiso coa terra, a súa enorme cultura, a súa ideoloxía comunista e o seu agudo sentido do humor quedan plasmados nuns debuxos que retratan a Galicia dos anos setenta e oitenta de maneira intelixente, irreverente e impecable.

A exposición conta con fotografías, obxectos persoais, debuxos, cómics, revistas, libros de artista, deseños, guións e documentación diversa. Unha gran cantidade de material estruturado en dez seccións distribuídas entre dúas salas do andar superior da Fundación Luis Seoane. Bolchichismo, O outro Xesús, Convertendo a Castelao nalgo fácil de asubiar, O mundo según Campos e De vote en vote son algúns dos títulos destes apartados, que dividen temáticamente a obra de Campos en comunismo, relixión, cultura, sociedade e política. Tamén hai unha sección chamada Quiosco que recolle as publicacións periódicas nas que participou o artista e outra chamada Campos & Seoane que fala da súa relación con Luis Seoane, quen motivou a que Chichi e o arquitecto José Ramón López Calvo fundaran a histórica galería Mestre Mateo.
Non vou entrar a analizar cada apartado porque entón isto xa non contaría como breve recensión, pero hai algunhas cousas que considero dignas de mencionar. Gustoume especialmente o inicio da exposición, que comeza coa sección Chichi Campos as himself. Un mural con setenta fotografías pertencentes ao seu Fondo Documental, que amosan momentos chave da súa biografía. Vemos a Chichi cos seus pais e irmáns, con amigos, coa súa muller Anciñas Ripoll e o seu fillo Nico, como director da galería Sargadelos en Santiago de Compostela, participando en mitins ou manifestacións… Setenta imaxes en honor aos setenta anos que tería hoxe e que resumen unha vida rodeada de cariño, compromiso e reivindicación, enmarcadas dunha forma fermosa por Javier de la Rosa.




O corredor que une a primeira sala e a segunda ten unha galería de retratos de Chichi de diversos personaxes da clase política e cultural da época e remata na sección Catodicismo, que honra á súa labor como guionista dunha entón incipiente TVG. Tódolos apartados contaban con apoios dixitais: tablets con animacións de Manel Cráneo en base aos debuxos de Chichi e outras con cadernos dixitalizados que permiten que o espectador pase as páxinas sen danar o papel. A sección de Catodicismo conta ademais cunhas pequenas teles nas que se poden ver e escoitar eses programas que guionizou, un detalle moi interesante que causou furor entre as crianzas que estaban na inauguración.


A exposición é moi completa e está feita co amor e a admiración que sinte un fillo polo seu pai, unha homenaxe fermosa e moi ben disposta. Pese a que entendo a intención coa que se fai, considero que a cantidade de material pode resultar un pouco abrumadora, sendo unha mostra un pouco densa que require unha visita longa para poder vela en detalle. Moito que ler, moito que ver, un pouco que escoitar. “Xesús! 70 anos de Campos” desprega a fonda pegada que deixou Chichi Campos na cultura galega en apenas 40 anos de vida, unha labor loable e inolvidable.