- Título: La costilla de Adán
- Artistas: María Hesse e David Fidalgo Omil
- Comisaria: Lucía Carballeda Suárez
- Ubicación: Galería Dupla (Santiago de Compostela)
- Duración:
- Prezo: gratuíta

O venres 5 de maio ás 19:30 inaugurouse “La costilla de Adán”, unha exposición de Maria Hesse e David Fidalgo na Galería Dupla, en Santiago de Compostela. Se líchedes a anterior recensión darédesvos conta de que é fisicamente imposible que eu estivera nesta inauguración, pois a esa hora estaba na presentación de “Rojo” en Sarao Studio (Ferrol). Efectivamente, non puiden visitar a exposición a tarde da súa inauguración, pero sí na mañá do sábado seguinte, grazas á amabilidade e flexibilidade de Lucía Carballeda Suárez.
Dupla non existiría sen Lucía, que suxeita na súa cabeza todos os sombreiros que compoñen o proxecto. É a galerista, a comisaria, a marchante e a investigadora. É quen está detrás do perfil de Instagram e quen está detrás da porta da galería. E, a pesar de levar xa máis de medio ano cargando con todas estas responsabilidades, recibe ao público cun sorriso amable na boca, disposta a deixar espazo a quen o precise e a aclarar calquera dúbida que poida xurdir.
Esta definición fai que pareza un ser mitolóxico, pero non o é: é unha muller traballadora cunha gran sensibilidade artística e un forte compromiso coa democratización da cultura. Lucía estudou Historia da Arte e Xestión Cultural (ademais dun Máster de Edición Xornalística) e conta con máis dunha década de experiencia no panorama artístico, vinculada a fundacións, museos e galerías. Este non é o seu primeiro proxecto galerístico: para que exista Dupla existiu hai un lustro “Federica No Era Tonta”, na rúa do Vilar. Despois traballou na sede madrileña de Delimbo Gallery e o ano pasado regresou a Compostela para poñer en marcha este proxecto, chamado Dupla polo propio espazo no que está: un baixo cunha doble portada. Esa doble portada converteuse nunha parella de portada e escaparate, e da nome á galería e un toque especial ao proxecto, cuxa programación contempla sempre a exhibición de parellas de artistas ou de temas, creando diálogos entre as obras.

A última destas duplas está conformada por María Hesse e David Fidalgo, unidos na mostra “La costilla de Adán”, que parte das fontes bíblicas e da literatura universal para revisitar, de maneira irónica, o mito da creación. O lado dereito pertence a Fidalgo e as súas vibrantes cores, mentres que no esquerdo despréganse as mulleres de Hesse, emerxendo todas do branco. O espazo entre ambas é para o espectador, libre de pasear entre ambas visións, de achegarse a cada parede, de parar no medio e posicionarse para ver a obra dun artista, doutro ou de ambos.
O estilo de ambos artistas contrasta e se complementa na medida perfecta. David Fidalgo é un lucense moi recoñecido pola súa produción audiovisual como cineasta, nomeado e gañador de varios galardóns polas súas curtametraxes de animación. A súa faceta como artista plástico é igualmente digna de atención: posúe un estilo moi propio, cargado de humor e ironía con vocación de meme e un aura naif. Fidalgo emprega a cultura popular para realizar unha ácida crítica social que non resulta en absoluto amarga. As cores vivas que o caracterizan e os xestos que adoitan ter os seus protagonistas resultan nunha obra chamativa e divertida, moi desfrutable por parte do espectador porque semella moi desfrutada por parte do artista.


En “La costilla de Adán” podemos ver tres acrílicos e cinco imaxes de impresión dixital. Os acrílicos son “Demonio con cabeza de manzana en el paraíso”, “Serpiente bonita en el césped del paraíso” e “Demonio sonriendo”, os dous primeiros sobre lenzo e o terceiro sobre papel. As impresións dixitais son o resultado dunha experimentación de Fidalgo cunha intelixencia artificial á que lle introducía comandos relacionados con Adán e Eva. As cinco imaxes son cinco interpretacións da mesma frase “Adán y Eva durmiendo en el césped del paraíso mientras el demonio los observa”, e todas teñen o selo do artista nesas nubes sorrintes que acompañan sempre á súa produción.
Na outra metade da galería encontramos a obra de María Hesse, unha das ilustradoras nacionais máis recoñecidas, incluída na lista elaborada pola editorial Taschen das 100 mellores ilustradoras do mundo. A onubense ten unha traxectoria dilatada cunha gran produción editorial e varias exposicións individuais e colectivas. O seu estilo é inconfundible, traballa principalmente con gouache e tinta china (aínda que ás veces tamén emprega acrílico) e cunha evidente perspectiva de xénero. A súa obra está maioritariamente composta por mulleres, ás que retrata con sensibilidade e lixeireza, fuxindo das imaxes recargadas e buscando sempre o equilibrio co espazo no que están.


Para esta mostra Hesse aportou imaxes de todas esas mulleres consideradas pecado orixinal, desde Eva ata Pandora pasando por Lilith, Circe ou Medusa. Tamén están a Reina Grimhilde -máis coñecida como a madrastra de Blancanieves-, Frida Kahlo, Marilyn Monroe e Zahara, entre outras mulleres aparentemente anónimas pero que poden ter o nome de calquera de nós, xulgadas simplemente polo feito de existir, querer ser e aspirar a desfrutar. As mulleres de María saen do fondo branco do papel para traer cor, mirando cos seus grandes ollos ao espectador cunha ollada limpa e directa que semella preguntar “cal é o problema?”
A combinación das vibrantes imaxes de Fidalgo coas pausadas escenas de Hesse resulta nunha exposición que abre camiños a varias reflexións, invitando ao espectador a cavilar sobre un concepto tan fundacional na cultura occidental como é a idea de que Eva saiu da costela de Adán e por tanto a muller é menos que o home. Sobre este tema hai unha chea de apuntamentos moi interesantes, como que esta frase é froito dunha mala tradución do hebreo orixinal e no canto de “costela” debería ser “metade”, pero se comezamos a investigar ese tema a recensión non remata hoxe. Anímovos a investigar, a debatir e a ter sempre unha ollada crítica. E, por suposto, a visitar “La costilla de Adán”. Xa me contaredes!