- Artistas: Jesús Cubillo e Daniel Remeseiro
- Comisarios: Jesús Cubillo e Daniel Remeseiro
- Ubicación: Sala de Exposicións do Colexio Oficial de Médicos da Coruña (rúa Riego de Agua, 29, 1º andar)
- Duración: ata o 23 de xuño
- Prezo: gratuíta

Hai xusto unha semana, o pasado luns 5 de xuño, Jesús Domingo Cubillo e Daniel Remeseiro inauguraron unha exposición conxunta na sala do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, no primeiro andar do número 29 da rúa Riego de Agua. Os artistas repartíronse as dúas metades que dividen o espazo: Cubillo quedou co lado esquerdo e Remeseiro co dereito. Os seus estilos son moi diferentes e o contraste é máis que evidente, pero a convivencia entre as súas obras é sorprendentemente harmoniosa, como a dos dous artistas. Non puiden acudir á inauguración, pero achegueime ao día seguinte para vela e falar con eles con calma. Foi un encontro moi enriquecedor.

Primeiro reuninme con Jesús Domingo Cubillo, un salmantino que dedicou a súa vida profesional á psiquiatría e cun claro arraigo ao norte da península: fixo as súas prácticas en Cantabria e no País Vasco e rematou traballando en Galicia durante os últimos 40 anos da súa carreira, primeiro en Santiago e despois na Coruña. A pintura acompañouno sempre. Contoume que comezou a pintar timidamente aos quince anos, sen coñecemento técnico e por pura afección. Nos inicios empregaba a acuarela e despois incorporou a témpera, empregándoas principalmente para construír paisaxes fortemente influenciados polo paisaxismo dos cincuenta, especialmente polo de estilo cubista.
Cubillo capturaba de forma moi esquemática os paisaxes salmantinos, intentando esquematizar e resumir esa extensa meseta castelá. Os seus intereses sempre apareceron na súa pintura, de forma velada ou directa. As grandes paixóns do pintor son a xeoloxía, a minaría e a química: as dúas primeiras protagonizan o seu traballo recente e a terceira foi a musa dunha etapa na que coqueteou coa natureza morta, retratando obxectos de laboratorio.

Na actualidade a súa obra céntrase fundamentalmente na paisaxe, caracterizada por unha sorte de abstracción tridimensional que semella unha ollada de paxaro a lugares pragados de xeometría, terra e metal. A tridimensionalidade foi o paso seguinte na súa exploración autodidacta: despois das acuarelas e as témperas chegaron o acrílico e o relieve, influenciado pola obra de Antoni Tàpies e a de Zacarías González, artista salmantino que modificaba os lenzos para conseguir as texturas que buscaba.
Pese ao innegable peso destas figuras no tratamento destas técnicas, os relieves de Cubillo son indubidablemente propios, porque a eles vai asociado un interese persoal do autor: a valoración do pequeno, o valor do que non ten valor. Cubillo emprega nos seus cadros cravos, pedras, anacos de madeira, refugallos varios que atopa nos seus paseos. As veces fainos protagonistas dos cadros e outras serven para delimitar espazos, pero sempre teñen unha innegable dignidade que non posuían cando eran simplemente pezas que outras mans terían tirado ao lixo.



Na sala de exposicións do Colexio Oficial de Médicos da Coruña podedes ver case dúas decenas de cadros do autor que conforman “Composiciones, construcciones y paisajes”. Esta é unha mostra exquisita do seu estilo actual: terrestre, solemne, potente e inerte. Non hai vida nos lenzos de Cubillo, máis que a que se intúe que construíu as explotacións mineiras que inventa nalgúns. Incluso esa que se intúe é como se non existira. Son paisaxes nos que tan só se escoita o vento: grandiosos, elegantes e baleiros. Cubillo domina unha gama de marróns, ocres e vermellos tremendamente evocadora, resultando nunha obra sobria e poderosa que fala da Terra antes de nós e a pesar de nós: no que xa existía e no que seguirá existindo, esteamos ou non.
Pregunteille se había relación entre a súa arte a súa profesión e contestoume que non. Sen ter eu intención de levarlle a contraria, non podo evitar pensar que si que a hai, aínda que non sexa de forma directa. Cubillo defínese a si mesmo -con gran acerto- como pintor de paisaxes, e neses espazos que retrata case nunca están habitados, aparecen libres de vida humana. Penso que a súa afección polo inerte e o científico equilibra as súas experiencias coas persoas afectadas polas enfermidades mentais, e que non é casualidade que as súas obras transmitan unha gran serenidade, senón que esa enteireza forma parte del e posiblemente fora de gran axuda para todos os pacientes que precisaban esa calma.

A metade dereita da sala pertence á obra de Daniel Remeseiro e contrasta fortemente coa esquerda. Remeseiro tamén é autodidacta, aínda que non se considera pintor. O coruñés explica que el adquiriu o oficio a través da formación e a experimentación constante, movido por unha insaciable curiosidade que o leva a explorar diferentes técnicas coas que compartir o seu inmenso e intenso mundo interior.
En contraste co sereno repouso de Cubillo, Remeseiro entra como un remuíño. É un artista multidisciplinar que pertence ao “grupo escombro”, orgullosamente ubicados na retaguardia da vanguarda. Remeseiro asegura que a súa obra é o seu discurso, e transmite as súas mensaxes en calquera medio e soporte que considere un bo altofalante. Escultor, pintor, gravador, a súa obra é tan dispersa como extensa e curiosa. Actualmente ten o seu obradoiro nun garaxe da rúa Ángel Rebollo, preto doutros artistas locais como Jano Múñoz ou Raúl Álvarez. A súa porta está sempre aberta a quen queira entrar a mirar, charlar ou simplemente estar.


Remeseiro encontra a inspiración en todo e defende firmemente a importancia da sinerxía, das relacións entre artistas e o diálogo e contacto creativo como fonte de enriquecemento persoal e artístico. Ao igual que o seu estudo, Daniel está sempre aberto a coñecer persoas, técnicas e lugares. A gran constante na súa obra é o amor polos procesos. O artista traballa sen imaxes previas: interésase por un método, traballa ata dominalo e despois traduce iso nunha obra determinada.
Nesta ocasión colgan das paredes da sala vinte e dúas das pezas que conforman a serie “Improntas”, cadros en óleo e acuarela nos que emprega diferentes materiais. Estes elementos son principalmente cartóns, plásticos e cordas; materiais bastos aos que da un tratamento sinxelo e cos que constrúe diferentes retratos cargados de cor e de textura. Remeseiro valora case máis o camiño percorrido na elaboración da obra que o resultado final. O espectador non coñece nin participa nese camiño, pero as pezas revelan unha clara dedicación, producindo bastante intriga pola historia que encerran.



O contraste entre “Composiciones, construcciones y paisajes” e “Improntas” e o mesmo que o que hai entre Cubillo e Remeseiro, pero en ambos casos o máis destacable é o ben que se complementan, o equilibrio alcanzado nesa dupla aparentemente oposta. Os cadros de Remeseiro teñen a todas as persoas que faltan nos de Cubillo, e estes posúen todo o espazo e silencio do que carecen os outros. A obra de Cubillo olla o chan desde o ceo, e a de Remeseiro ponse á altura dos ollos duns personaxes que non coñecemos. E, pese a ser tan diferentes, en certo modo ambos falan do mesmo: de ollar ao que nos rodea, de valorar o que pasa desapercibido, de sacar á pintura do cadro e de compartir o que nos conforma.