“Perdona, estoy hablando”, exposición colectiva en CentroCentro

Rematado este mes de xullo de pausa de recensións, volvo cunha un pouco diferente. Nesta ocasión non se trata dunha exposición local, porque Perdona, estoy hablando está en CentroCentro, no palacio de Cibeles en Madrid. Así e todo, dúas das comisarias -e algunhas das artistas- son galegas, e ademais entendo que neste período estival é bastante posible que algún de vós visite a capital, así que aquí tendes un planazo para desfrutar por alí.

Perdona, estoy hablando é unha exposición colectiva dedicada ao comic autobiográfico feito por mulleres, na que participan 89 artistas: Aline Kominsky, Alison Bechdel, Amaia Arrazola, Amy Kurzweil, Ana Galvañ, Ana Mushell, Andrea Galaxina, Andrea Ganuza, Angie de la Lama, Anya Ulinich, Ariel Shrag, Barbara Alca, Bea Lema, Camille Vannier, Carla Berrocal, Carlota Juncosa, Carol Tyler, Catherine Meurisse, Coco, Conxita Herrero, Daria Bodangska, Diane Noomin, El futuro es brillante, Ellen Forney, Emil Ferris, Flavita Banana, Fran Meneses, Gakian, Gato Fernandez, Genie Espinosa, Giulia Sagramola, Grace Wilson, Irene Márquez, Irene Olmo, Jennifer Hayden, Julia Alekseyeva, Julia Wertz, Julie Doucet, Kate Beaton, Keiler Roberts, Laura Endy, Lila Quintero Weaver, Lola Lorente, Mamen Moreu, Marcela Trujillo, Mari Naomi, María Luque, Mariko Kikuchi, Marlene Krause, Marzena Sowa, Meags Fitzgerald, Meritxell Bosch, Mery Cuesta, Mimi Pond, Miriam Katin, Monstruo Espagueti, Nadia Hadif, Nicola Streeten, Nicole J. Georges, Nora Krug, Nuria Figueiredo, Nuria Just, Olaya Pedrayes, Otraputacuentadedibujos, Paula Cheshire, Pénélope Bangieu, Pepa Prieto Puy, Phoebe Gloeckner, PowerPaola, Quan Zhou Wu, Rachel Ang, Roberta Vázquez, Rocío Quillahuaman, Rokudenashiko, Rosalind B. Penfold, Sara Soler, Sarah Glidden, Sole Otero, Soy Cardo, Sylvie Rancourt, Tara Booth, Teresa Ferreiro Peleteiro, Thi Bui, Tillie Walden, Ulli Lust, Una, Vanessa Davis, Xiomara Correa e Zeina Abirached.

A exposición ocupa a quinta planta do CentroCentro e está comisariada por Tevi de la Torre, Teresa Ferreiro e Roberta Vázquez. Tevi de la Torre é a coordinadora de actividades culturais de CentroCentro, ademais de xestora cultural e comisaria especializada en debuxo e ilustración. Teresa Ferreiro é doutora en Belas Artes especializada en Estudos de Xénero, ademais de investigadora cultural, artista visual, DJ e escritora. Roberta Vázquez é ilustradora e debuxante de banda deseñada, autora de varios fanzines e do cómic ¡Socorro!.

Pregunteille a Teresa pola orixe do proxecto. Contoume que Tevi contactou con Roberta para crear unha exposición sobre banda deseñada autobiográfica de autoras nacionais e internacionais. Roberta, coñecedora da investigación realizada por Teresa na súa tese doutoral “Como flúor en el agua”. Estudio feminista sobre el cómic: análisis de este medio gráfico-narrativo para la promoción de la empatía y definición del «cómic testimonial feminista recomendou que contasen con ela como experta no tema. Entre as tres deseñaron Perdona, estoy hablando, unha exposición que reivindica e visibiliza o valor das historias en primeira persoa e a linguaxe do cómic como medio artístico de comunicación especialmente efectivo para a promoción da empatía.

Tomando como concepto central o coñecido lema feminista “lo personal es político”, a mostra exhibe traballos de case un centenar de autoras que comparten páxinas dos seus libros, fanzines ou de publicacións periódicas. Na maioría dos casos, foron as propias artistas as que seleccionaron o material que querían expoñer, acompañando ás páxinas con textos escritos por elas para contextualizalas. As obras distribúense nos seis espazos nos que se divide a exposición, que coinciden cos seis bloques nos que se reparte Perdona, estoy hablando: o espacio afectivo, o cómic testimonial feminista, as identidades LGTBQI, a saúde, o espacio laboral e o trauma familiar e histórico.

Estes seis temas pretenden articular os contidos, sen clasificar as autoras en modo algún. Son cuestións comúns de gran importancia á hora de entender a banda deseñada autobiográfica e non son en modo algún excluíntes. A maioría das páxinas poderían estar presentes en varias das salas, pois estas seis cuestións atravesan a experiencia vital de varias das autoras, ao igual que dunha gran parte do público. Permitídeme a osadía de asegurar que non é posible visitar esta exposición sen conectar con algunha destas historias, sen resoar con algunha desas centos de páxinas que falan de vivencias persoais e universais, sen identificarse con algún deses personaxes.

As comisarias fixeron un esforzo activo por abarcar temáticas que conceden unha visión realista de temas políticos imperantes para un cambio social positivo e que se narran a través da experiencia vital das autoras. Perdona, estoy hablando pon o foco nesa voz das mulleres e os grupos oprimidos que durante séculos foi silenciada, escollendo ademais como medio o cómic, un xénero historicamente menosprezado dentro do mercado e a Historia da Arte. A exposición loita contra esa dobre discriminación e se presenta triunfal e colorida, case coma unha festa de celebración contra eses intentos de invisibilización que cada vez teñen menos cabida na nosa sociedade.

O resultado son seis salas cargadas de contido que requiren varias horas -idealmente, varias visitas- para ser desfrutadas, asumidas e comprendidas. Ademais das páxinas hai cinco intervencións, cinco pezas desenvoltas especificamente para a exposición. Otraputacuentadedibujos preparou unha viñeta inmersiva na que comparte con nós 33 das 89 páxinas do cómic Ahora quiero ser tu perro (o La historia de dos idiotas en una tienda de discos). Nuria Figueiredo desenvolve unha historia familiar mediante figuras cerámicas que penduran da parede e do teito e descansan nunha repisa que exerce ao tempo de altar. Rocío Quillahuaman recorda unha desagradable experiencia laboral cunha das súas características animacións. Roberta Vázquez exhibe un autorretrato xigante da súa mesa de traballo e os pensamentos que a acompañan, a medio camiño entre o mantra e o pesadelo. Teresa Ferreiro converte un lienzo nun tríptico no que pinta diferentes etapas da súa vida nunha sorte de conto visual.

Acompañando a todas estas pezas encontramos unhas figuras de cartón que habitan o centro das salas. Son retratos dalgunhas das autoras, convertidas en personaxes que participan na exposición. Contoume Teresa que querían facer de Perdona, estoy hablando unha mostra diversa e, na medida do posible e coherente, multidisciplinar. Nas páxinas empréganse tanto técnicas dixitais como analóxicas, atopando tinta, acuarela, rotulador e lapis. As intervencións aportan o téxtil, a instalación e a cerámica, e as figuras axudan a evitar que a exposición resulte plana. Pregunteille tamén polas cores das paredes, fascinada polo vibrantes e alegres que son na súa maioría, e explicoume que as eleccións cromáticas foron decisión delas coa axuda da deseñadora Blanca Gracia, responsable de todo o deseño da exposición.

A poucas semanas de que remate a exposición podemos facernos co catálogo da mesma, tanto en versión dixital como física. A publicación componse de tres ensaios de Mery Cuesta, Teresa Ferreiro e Tevi de la Torre e un cómic inédito de Roberta Vázquez sobre a produción de fanzines. Ademais, varias das páxinas que penduran dese quinto piso do CentroCentro quedan recollidas neste volume que reivindica, defende e celebra ás autoras de banda deseñada.

Perdona, estoy hablando é unha exposición divertida e solemne que reúne o traballo de 89 artistas de diferentes estilos, procedencias, carreiras, formas de ser e de querer nun exercicio fortemente reivindicativo e profundamente xeneroso. Tevi de la Torre, Teresa Ferreiro e Roberta Vázquez enchen de historias, risas e bágoas seis salas deseñadas para iniciar diálogos, provocar reflexións e alzar a voz. Esta mostra podes visitala soa, pero sairás acompañada: de todas estas mulleres que viviron o mesmo ca ti, sentiron o mesmo ca ti, pensaron o mesmo ca ti e soñaron o mesmo ca ti. A universalidade das historias persoais e a importancia de compartilas para sentirnos comprendidas, acompañadas e apoiadas queda patente nestas seis salas que recollen en debuxos e palabras sentimentos que semellaban inabarcables. Gustaríame rematar esta recensión reiterando a recomendación de que visitedes esta exposición e compartindo con vós un parágrafo do ensaio de Mery  Cuesta para o catálogo, que resume a mostra da seguinte maneira:

El cómic hecho por mujeres, y muy particularmente el de género  testimonial, es un territorio cargado de memoria, de activismo y de emoción. Cada autora presente en Perdona, estoy hablando es la hebra de un gran tapiz elaborado por mujeres, mujercitas y mujerzuelas con un enorme valor simbólico y político, un tapiz de futuro con capacidad para promover el cambio social.