- Título: Apoio Mutuo
- Artista: Maz
- Comisaria: Julia Lago
- Ubicación: Galería Grelería (Rúa Arco, nº9, A Coruña)
- Duración: ata o 11 de maio
- Prezo: gratuíta

O pasado venres 17 de marzo inaugurouse na Galería Grelería (A Coruña) unha exposición de risografías de Maz comisariada por Julia Lago e titulada “Apoio Mutuo” que se poderá visitar ata o 11 de maio. A inauguración comezou ás sete da tarde e pouco a pouco encheu a praza de San Andrés de conversas, música e arrecendo a tortilla de patacas vegana.
A Grelería é tan pequena coma acolledora, e invita a deterse a contemplar todos os detalles que a compoñen e a habitar tamén o exterior, reconquistando unha praza xeralmente durmida. Apoio Mutuo comparte estas características: é unha exposición pequena, conformada por tres pezas, que capta a atención do espectador e planta nel unha semente de reflexión sobre a natureza. A diferencia fundamental radica en que Apoio Mutuo non promove unha reconquista, senón unha ollada atenta e introspectiva.



Tiven a sorte de que poder falar con Maz sobre a exposición e a intención detrás dela. Contoume que é o froito dun exercicio que podería parecer un xogo. O seu obxectivo era divertirse coas formas da risografía conservando a frescura do lapis; levar o debuxo ao límite onde se roza coa pintura e explorar esas barreiras. O resultado son tres cálidas ilustracións onde predominan os verdes, amarelos e laranxas e nas que aparecen diferentes animais. Maz sinalou ás teorías de Piotr Kropotkin como fonte de inspiración temática, sendo o apoio entre especies o eixo vertebrador da exposición.
Na primeira obra aparece un mono tranquilamente apoiado sobre unha póla. Esta é a única das risografías nas que aparece só un animal, pero posiblemente sexa a que mellor representa a idea do apoio entre especies, sendo fundamental a árbore para o descanso do simio. O animal mira ao espectador e o confontra. Contábame Maz que inicialmente pensara en poñerlle un froito entre as mans, pero finalmente optou por deixalas baleiras para recalcar que non ten ningunha segunda intención, que simplemente está sendo, que “no se trae nada entre manos”.

Cortesía de Julia Lago.
Na segunda, vemos a dúas formigas de diferentes especies desprazando (portando?) xuntas unha folla de papel. Esta peza fixo voar bastante a miña imaxinación pensando en tódalas cousas que podía ser ese papel; desde un ticket ata unha lista da compra, pasando por unha pequena notiña de amor. Sinto que o contraste entre a natureza que inunda este deseño co gran espazo branco que queda no medio resulta profundamente evocador, como un silencio cargado de mensaxe.
A última, que foi a escollida para o cartel da exposición, é un exemplo de autosuficiencia. Nesta risografía aparecen dúas galiñas: unha está poñendo un ovo e a outra o está comendo. Cunha serenidade envexable e completamente alleas ao mundo exterior, as dúas aves limítanse a existir e convivir, preocupándose unicamente de cubrir as súas necesidades.
Con apenas tres obras, Apoio Mutuo consegue lanzar unha crítica moi potente ao individualismo que praga os espazos urbanos, pero faino dunha forma amable e apracible. O espectador pode escoller entre simplemente admirar a forma das imaxes ou tamén reflexionar sobre o contido dos deseños. Unha exposición moi recomendable que pode verse nuns minutos e comentarse durante horas.
