Presentación de “Rojo” en Sarao Studio

A recensión de hoxe é un pouco diferente, porque a exposición á que fai referencia xa non se pode visitar. Pero que non cunda o pánico, podedes desfrutala doutra maneira bastante especial, máis íntima e sen data de caducidade. Cóntovos axiña, primeiro, comecemos polo principio. O pasado venres 5 de maio Sandra Rego e Marta Waterme presentaron “Rojo” en Sarao Studio acompañadas de Raquel Villanueva, que fixo de entrevistadora e moderadora. As tres mulleres falaron de opresión e liberación, de amizade e acompañamento, da arte como medio de expresión identitaria e da importancia da visibilidade. Foi un evento cargado de boa enerxía, de creatividade e de ganas de mellorar o mundo.

Escenario da presentación en Sarao Studio (foto propia)

Sarao é unha galería que abriu a finais de marzo en Ferrol cun proxecto tan único como necesario na comarca galega. Laura Freire e Néstor da Silva teñen tan claros os seus ideais respecto ao mundo da arte que alugaron un espazo comercial nunha das rúas principais da cidade e o converteron nun espazo creativo, que funciona ao tempo como galería, coworking e centro cultural. Conscientes do elitismo que rodea ao mundo artístico e asqueados por el, decidiron dar voz a tódolos artistas, novos ou asentados, hiperrealistas ou abstractos, visuais ou sonoros. O resultado é unha gran bocanada de aire fresco para a cidade marítima, unha gran ilusión para todos os involucrados e unha agradable sorpresa para os que pasan por diante do local e se animan a entrar a formar parte do sarao.

Non existía un lugar mellor para presentar “Rojo”, e non había un proxecto mellor para inaugurar as presentacións de libros en Sarao. A mesma paixón creativa que moveu a Laura e Néstor, xuntou a Sandra e Marta. A primeira é unha xornalista ferrolana e a segunda unha ilustradora catalá; ambas estaban destinadas a coñecerse e vivir a amizade tan pura que as une, unidas por ese fío vermello que as abraza e que da cor e nome ao seu proxecto en común.

Ilustración de Marta Waterme para “Rojo”, recuperada de https://libros.com/crowdfunding/rojo/

En xullo do 2021 “Rojo” foi a súa primeira exposición conxunta, na Casa Sagnier de Barcelona. Da cidade natal de Marta pasou á de Sandra, e en setembro dese mesmo ano “Rojo” era a súa exposición conxunta no Torrente Ballester. A mostra estaba composta por unha serie de ilustracións acompañadas de poemas. Estas parellas eran o resultado dun exercicio creativo no que as artistas escolleron unha decena de conceptos que para elas representan a experiencia feminina, sobre os que traballaron como mellor saben: Marta plasmounos en imaxes e Sandra en palabras.

As exposicións en Barcelona e Ferrol deixaron claro que as dúas voces detrás de “Rojo” representaban a miles, que as experiencias persoais destas dúas mulleres foran vividas por moitas outras; que eses medos, soños e dores son sentidos por unha lexión. Postas a escribir do que non se fala e a ilustrar o que se oculta, Sandra e Marta converteron a exposición nun poemario, dez conceptos en setenta e seis páxinas e unha cor nun himno.

O pasado venres presentábano en Sarao con orgullo, alegría e moita emoción. Na esquina detrás da mesa desde a que falaban do proxecto, as ilustracións de Marta -principalmente pintadas con acuarela pero tamén con toques de acrílico, grafito e pastel- colgaban das paredes. No resto da galería a xente atendía sentada nas cadeiras, nas escaleiras e nas repisas. As últimas persoas en chegar atendían de pé desde a entrada, escoitando as palabras das artistas, rindo coas súas anécdotas e asentindo coas súas reivindicacións. Foi unha presentación íntima e sinxela que fundiu a tódalas participantes nun abrazo invisible, poñendo á amizade e a sororidade en primeira liña e empequenecendo en voz alta a eses monstros que crecen no silencio, como a culpa ou a ansiedade.

Os orixinais de Marta xa non poden visitarse en Sarao, a exposición durou o que a presentación do libro. Afortunadamente, podedes ver esas ilustracións, ler eses poemas e apoiar a esas artistas mercando o seu poemario. Deixaron cinco exemplares na galería, firmados por elas e acompañados dun marcapáxinas artesanal feito con moito agarimo e bo facer polas hábiles mans da nai de Sandra. “Rojo” custa vinte euros e acompaña, abraza, alenta e remove. Non volo perdades.

Unha idea sobre “Presentación de “Rojo” en Sarao Studio

Deixar un comentario