“20:23”, exposición de Begoña García-Alén na galería Grelería

O venres 12 de maio ás 19:30 inaugurouse “20:23”, unha exposición de Begoña García-Alén na Galería Grelería, na Coruña. A segunda recensión do blog -a de Apoio Mutuo- pertence a outra exposición desta galería, polo que nesta ocasión non falarei moito do espazo, coa fin de evitar repetirme. O que si considero importante recalcar é que pese a que pasaron case dous meses entre ambas inauguracións, o ambente foi igual de cálido, acolledor e inspirador nas dúas, con máis luz no exterior grazas á primavera pero coa mesma boa vibra independentemente do mes.

Begoña García-Alén é unha pontevedresa que estudou Belas Artes en Pontevedra e continuou a súa formación en Londres, na Universidade de Kingston. Ao seu regreso publicou os seus primeiros traballos. Hai case unha década disto, e neste tempo ten ilustrado para Libros Walden, Terranova, Blackie Books, Solo Magazine, Diari ARA e CentroCentro, e colaborado con editoriais como Fosfatina e Apa-Apa, ademais de crear xunto a Andrés Magán un proxecto editorial propio chamado NL Ediciones. Hai dous anos publicou “Adeus Amigos”, cómic galardoado co premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación Provincial da Coruña e posteriormente traducido ao castelán.

Julia Lago, fundadora da Grelería e comisaria desta exposición, indica que Begoña destaca no panorama da autoedición participando en fanzines de modo individual e colectivo. O proxecto “20:23” foi creado expresamente para esta exposición, e incluía a presentación do fanzine homónimo impreso en risografía. “20:23” é un exercicio creativo que consiste en partir dunha imaxe de serigrafía e facer un cómic a partir dela, sacando a idea a partir do técnico.

Tiven a sorte de falar con Begoña do seu traballo e de que a miña irmá -que viu conmigo á inauguración- me agasallara o fanzine, que conservo con moito cariño e ao que botei varias olladas ao longo desta semana. Begoña transmite a mesma serenidade que os seus debuxos, que adoitan estar relacionados co cotiá. Contoume que leva un tempo traballando nun proxecto grande, un libro, e que no camiño saíron pequenas historias como “o soño do escultor” (outro dos seus fanzines) ou “20:23”, que segue esa mesma liña temática.

“20:23” é un paseo en branco e negro ao longo de corenta e dúas viñetas recollidas nunhas tapas con toques de verde. O uso do verde ten que ver coas cores da risografía, pero non podo evitar pensar que tamén entran en xogo a súa condición de “cor esperanza” e de cor asociada coa natureza, como a dos parques polos que pasea a protagonista da historia. Cun estilo moi sinxelo e pouco recargado, empregando liñas finas e seguras, a artista captura momentos que parecen ao tempo conxelados e cargados de movemento. A protagonista observa o mundo e nós observamos como se despraza por el, sen poder interactuar nunca con ela e preguntarlle o que pensa de todo aquilo co que se atopa. O resultado é unha sensación de invasión da intimidade allea, acompañada por unha chea de incógnitas sobre todo o contexto desa vida da que só chegamos a ver unha saída cuxo motivo, duración e destino descoñecemos en todo momento.

Nas paredes da Grelería colgan cinco imaxes pertencentes a este itinerario: a protagonista baixando á rúa, as escaleiras do interior do edificio, as árbores do parque polo que camiña, o farol do que pende unha papeleira a unha racha de vento de distancia do chan, os muros que se ven ao outro lado da rúa. Todas as imaxes pertencen ao fanzine pero aparecen aquí disociadas, separadas as unhas das outras: por un lado temos as escaleiras e por outro á protagonista baixando sobre o fondo branco, ignorando que non pode descender ata que as imaxes non se superpoñan.

A exposición é pequena pero non por iso menos evocadora: con apenas cinco debuxos a artista consegue xerar unha gran curiosidade no espectador, desexoso de coñecer máis sobre esta historia tan enigmática e ao tempo común. O fanzine sacia brevemente esa curiosidade, que axiña volve a demandar máis información, provocando que ir a unha exposición de Begoña faga que necesites que publique ese libro para pasear entre as súas follas e ver as escenas que suceden fóra capturadas no papel. Estou desexando ver como se vai desenvolvendo todo, feliz de ter descuberto a esta artista ata agora descoñecida para min, e segura de que aínda me quedan bastantes olladas que botar ao exemplar de “20:23” que teño na casa. Anímovos fortemente a achegarvos á Grelería a ver a expo e todas as cousas que ten que ofrecer. Cada vez estou máis convencida de que esta galería está nun espazo tan reducido porque se fora máis grande ninguén sairía nunca de alí.

Deixar un comentario