Exposición de Street View Compostela no espazo de Acéfala en Monte Alto

  • Título: Street View Compostela
  • Artista: Sara Giunta
  • Comisario: Sara Giunta
  • Ubicación: Rúa Joaquín González, 73. Espazo de Acéfala en Monte Alto (A Coruña)
  • Duración: ata finais de abril
  • Prezo: gratuíta

No mediodía do pasado sábado 1 de abril inaugurouse en Acéfala unha exposición individual do proxecto Street View Compostela comisariada pola propia artista, Sara Giunta. Acéfala é un colectivo cultural horizontal sen ánimo de lucro que conta cun espazo autónomo e autoxestionado no barrio de Monte Alto, no que acolle propostas e actividades propias e externas. O colectivo ten entre os seus obxectivos a promoción e difusión da creación artística, cultural, técnica e filosófica e o fomento do pensamento crítico, liberdade e apoio mutuo.

Tendo en conta esas intencións, queda claro que é o espazo idóneo para expoñer as obras do proxecto de Giunta. En palabras da artista, o proxecto “nace influenciado, por unha banda, pola obra dixital de artistas como Jon Rafman ou Michael Wolf, que cuestiona a autoría da propia obra ao reapropiarse de imaxes capturadas pola empresa Google; pola outra, polo desexo de explorar os espazos limítrofes das cidades galegas (tomando como referencia a súa capital) onde se encontran o ámbito urbano e rural”.

Na conta de Instagram na que a artista comparte eses momentos capturados polos nove ollos de Google e recapturados polo seu rato hai máis de cen fotografías. Para esta primeira exposición, Giunta seleccionou un total de vinte que considera que resumen o proxecto, as súas influencias e as súas intencións. Sara estuda Historia da Arte e comezou streetviewcompostela nun duro momento persoal no que non era quen de saír á rúa. Comezou a pasear por Maps, fixándose nesas vidas captadas por Google, e decidiu recaptalas e poñelas en valor. Detrás da súa conta hai centos de horas de paseos virtuais por diferentes anos, e unha elección consciente de qué contexto incluír en cada fotografía e de como encadrala para que transmita a maior naturalidade posible.

Nas imaxes aparecen esceas cotiás interrompidas por ese obxecto estraño concentrado en mapealo todo. Así e todo, a vida segue. As caras aparecen difuminadas pero as posturas delatan as olladas directas da xente. O coche de Google pasa diante de xente tendendo a roupa, de señoras sentadas á sombra, de señores con ferramentas, de adolescentes xogando, de nenos andando, de veciños falando. A bola de cámaras non entende de intimidades, de horarios nin de ritmos, e intriga, incomoda e sorprende aos personaxes que vemos na obra de Giunta, que son persoas da vida real que simplemente estaban habitando o exterior.

A artista decidiu agrupalas imaxes por gamas cromáticas, creando un percorrido que comeza no verde do campo e remata no gris das aceiras dos barrios. É unha mostra pequena e íntima, profundamente evocadora que fala doutros modos de vida dentro e fora da cidade. O traballo de Giunta ofrece unha ollada moito máis amable que a dos seus inspiradores -Rafman e Wolf- representando o traballo e o descanso, a soidade e a compañía, o ritmo pausado e a roda que non deixa de xirar.

Podedes visitala ata finais de mes e podedes seguir a Sara en Instagram na conta de streetviewcompostela e na de diariostreetview, onde postea imaxes de toda a Galiza rural e non só da capital. A maiores, ten un proxecto de cerámica chamado ceramicaspombal onde comparte as pezas que realiza, cun estilo moi propio e dunha gran beleza.