- Título: Mirar hacia arriba, luego mirar hacia abajo y volver a mirar hacia arriba otra vez
- Artista: Mar Ramón Soriano
- Ubicación: Galería Nordés (espazo en A Coruña)
- Duración: ata o 19 de abril (ampliada ata o 3 de maio)
- Prezo: gratuíta
O pasado 23 de febreiro inaugurouse a segunda exposición individual de Mar Ramón Soriano na Galería Nordés, nesta ocasión no seu espazo na Coruña. Esta nova sede de Nordés na cidade herculina abriu ao público en outubro de 2023, froito da necesidade da galería santiaguesa de ampliar o seu espazo de almacén. Comezaron buscando locais en Santiago, no seu berce, pero ante a escasa oferta da cidade picheleira decidiron ampliar a busca a Coruña, onde apareceu o espazo perfecto. Desde finais de 2023, a galería Nordés está presente no número 39 da rúa Algalia de Abaixo de Santiago de Compostela e no número 3 da rúa Ramón da Sagra da Coruña.
Nesta segunda localización é onde podedes visitar Mirar hacia arriba, mirar hacia abajo y volver a mirar hacia arriba otra vez, da artista Mar Ramón Soriano. Esta mostra é o resultado da súa estancia en Nova York coa bolsa Fulbright, que adicou a investigar a figura da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson. Case un século despois de que Ruth desembarcara en Vigo para retratar a Galiza rural dos anos 20 por encargo da Hispanic Society of America, Mar fai a mesma viaxe en dirección oposta.
Explicoume que o proxecto trata sobre unha viaxe, unha viaxe da ollada. A artista decide ollar como unha fotógrafa miraba Galiza hai un século, e para iso vai aos arquivos da Hispanic Society of America para ver con detemento as miles de fotografías coas que Ruth retratou a nosa terra. Ambas quedan conectadas non só por esta viaxe, senón tamén por Niñodaguia, un pobo ourensá recoñecido pola súa olería tradicional. Aquí reside e traballa Mar, que na súa obra traballa moito coa cerámica, e por aquí pasou Ruth coa súa cámara, na súa misión de capturar a ruralidade galega.
Entendendo xa o contexto da exposición, chega o momento de cruzar o limiar e comezar a percorrela. Esta mostra conta con vinte obras dispostas nun espazo amplo e diáfano no que podemos apreciar cada peza sen problema. A primeira obra que atopamos descansa no chan, preto da parede esquerda. Trátase das Oito femias deitadas, que se dispoñen en fila, semellantes pero non iguais. Seguimos avanzando e vemos na parede dereita aos Oito machos recipientes. Con estas dúas pezas Mar revisita e transforma as formas tradicionais da cerámica de Niñodaguia, tanto estes machos como estas femias son volumes que se colocaban na parte superior das casas para coroalas.




Ao darlle a volta a esa forma afiada de macho, perde toda a súa agresividade e no canto de ser un obxecto que apunta ao ceo pasa a ser un suxeito pasivo que contén, un xarrón, un recipiente. Se tomáramos ás Oito femias deitadas como o vértice dunha V, nun extremo atopamos aos Oito machos recipientes e seguindo o outro chegamos ás Apañadoiras apañándose unhas ás outras e a El equilibrio, dous “collages” feitos por Mar a partir de fotos tomadas por Ruth Matilda Anderson. Nestas composicións, que penden como dúas columnas, a artista constrúe torres de mulleres que se sosteñen, se miran e se acompañan, ademais de aguantar cada unha coas súas cargas.


Unha vez superada esta V que marca o inicio da viaxe pasamos de Niñodaguia a Nova York, e é agora Mar e non Ruth quen observa e exotiza o alleo. A artista chega á gran mazá e non pode evitar mirar hacia arriba, luego mirar hacia abajo y volver a mirar hacia arriba otra vez eses edificios inmensos que buscan rañar o ceo e que non é posible abarcar coa mirada sen dobrar o pescozo en ángulos imposibles. O nome da mostra fala do asombro e a sorpresa de ver en persoa esas construcións que todos coñecemos, porque forman parte da cultura audiovisual, pero que non deixan de resultar abraiantes ao velas en persoa.

Dese abraio sae Las partes en las que tengo que plegar un rascacielos, unha peza conformada por seis tellas de lousa sobre as cales Mar intenta facerse unha idea das dimensións dalgúns dos edificios máis altos da cidade (como o One World Trade Centre) realizando unhas divisións tomando a súa propia altura como referencia. Estes cálculos penden da parede dereita coma se a artista tivera que saír ao encerado nunha clase de matemáticas de temática neoiorquina e, ao xirarnos para ver os pupitres atopamos que neste aula non hai alumnos, senón rañaceos.
Aparecen aquí tres das catro pezas tituladas Las faldas, en realidad, pueden ser los tejados de algo, estructuras da pino nas que a artista constrúe os seus propios rañaceos xogando coas emblemáticas edificacións e a figura das animadoras. Retomando ese mesmo xogo de Oito machos recipientes no que ao voltear unha forma a resignifica, Mar cambia os elementos de lugar e crea uns edificios que parecen facer piruetas, con pés que se alzan e pompóns que penden preto do chan e non do ceo. Algunhas destas estructuras teñen tellas que semellan tellados pero repousan na parte inferior e antenas de cerámica amarradas con cordas de nailon aos paus superiores para elevarse o máximo posible, para rañar o ceo como os grandes edificios da cidade neoiorquina. A artista emprega diferentes tipos de papel cos que crea formas e volumes que evocan saias, camisas, petos e pregos, lixeiros e flexibles como esas animadoras que inspiran a peza.

A continuación, o espazo da galería vólvese máis estreito para acomodar ás oficinas da mesma, que se encontran nun cubo situado no lado esquerda que, xunto a un tabique que emerxe da parede crea unha pequena estancia ao fondo. Antes de chegar a ela vemos no chan a Larga piscina, larga piscina, unha peza alongada de aproximadamente 250cm na que a Mar decide novamente cambiar as cousas de sitio e colle as tellas do tellado para facer con elas unha piscina, un río, unha senda azul que no canto de cubrir o teito repousa no chan, e no canto de impedir que entre a auga invita a que esta se deslice. Decidida a demostrar que as tellas poden facer moito máis que formar tellados, vemos tamén polas paredes as seis pezas da serie Toda forma positiva se acomoda muy bien a su forma negativa, na que agrupa tellas enceradas que ao estar en vertical e non en diagonal pasan a ser esculturas, redignificadas pola ollada da artista.


No tabique que separa a parte principal da galería desa segunda estancia do final atopamos dúas das catro pezas que conforman Lo que encuentro, lo que guardo, lo que escondo, unhas longas pezas de papel e fío compostas por petos de diferentes tamaños, que Mar pende na parede para mostrar o que se garda, o que se atopa, o que se esconde. A través das transparencias e veladuras do papel vemos pequenas pezas de cerámica, cuentas, moedas e billetes de dólares.


Entrando nesa sala final da galería atopamos a cuarta estructura de Las faldas, en realidad, pueden ser los tejados de algo e as outras dúas pezas de Lo que encuentro, lo que guardo, lo que escondo, ademais de Señora portando algo sobre su cabeza. Esta peza, que é unha gran vasilla azul cobalto que se eleva sobre un cubo dado a volta, é anterior a este proxecto, pero tamén fala de Ruth Matilda Anderson. Inspirada por esas apañadoiras que retratou a fotógrafa, Mar decidiu facer un exercicio de apilación e sostén imitando a esas mulleres que portaban cestos xigantes e pesadísimos para transportar alimentos ou enseres dun punto a outro.


Ao xirar para dirixirnos á saída, vemos sobre o cubo das oficinas unha última peza, tamén azul pero dun ton bastante máis claro, que pecha a mostra obrigándonos a mirar arriba. Trátase de Más cerca de las nubes, unha recreación en cerámica do pico azul do Chrysler. Con esta peza que pode pasar desapercibida a quen se esqueza de levar a mirada para arriba, ignorando o título da exposición, conclúe Mirar hacia arriba, luego mirar hacia abajo y volver a mirar hacia arriba. Tras dar un paseo por esta cidade que crea Mar no espazo de Nordés e sentir que viaxamos con ela e xogamos con ela, dan ganas de seguir un rato na galería para atopar todos os pequenos detalles que pasan desapercibidos nunha primeira ollada. Persoalmente, recoméndovos que aproveitedes as semanas que quedan para visitala e que non deixedes de seguir a obra de Mar Ramón Soriano, que de seguro sabe divertirse e facer que nos divirtamos.
