- Artista: Carmen Seijas
- Comisaria: Carmen Seijas
- Ubicación: Sarao Studio
- Duración: ata o 13 de xullo
- Prezo: gratuíta

O pasado xoves 22 de xuño inaugurouse “Altar”, a primeira exposición en solitario de Carmen Seijas en Sarao Studio, a galería de Ferrol da que vos falei hai unhas entradas. Aproveito para reiterar a miña recomendación de que os sigades en redes, traen un verán cargado de exposicións e obradoiros chulísimos. Este primeiro verán da galería comeza con “Altar”, a cuarta exposición individual de Carmen Seijas despois dunha pausa de oito anos durante a que só expuxo en mostras colectivas, adicando as súas enerxías á autoxestión do seu proxecto.
Carmen naceu e creceu en Betanzos e estudou Belas Artes en Pontevedra, Bélxica e Barcelona. Quedouse na capital catalá para facer un mestrado de investigación artística, e estableceuse alí como artista. Non foi un camiño doado, e de aí que pasara case unha década sen facer exposicións individuais. Houbo -e segue habendo- moito traballo para chegar á posición na que se atopa agora, que vive da súa arte e pode producir por desexo e non por obriga. Así e todo, non mira con mágoa eses anos precarios nos que traballaba co material que houbera dispoñible e expoñía en espazos en desuso pagando en especie. Din que a necesidade agudiza o enxeño, e Seijas agudizouno tanto que agora, pese a non ter da primeira, anda sobrada do segundo.



“Altar” é un reflexo disto. O nome resume nunha palabra o que está acontecendo no espazo: Sarao queda cuberta da obra de Seijas, desbordando arte por todas partes con máis de oitenta pezas diferentes colgando das paredes, pendurando do teito e descansando nas repisas. Carmen non se limita a levar á súa arte á galería, leva todo o seu estudo. O seu obxectivo é que sexa unha experiencia inmersiva e o consegue desde o primeiro momento, cun escaparate hipnótico que semella unha xanela a un obradoiro no medio dunha fraga. No interior, acompañando aos seus cadros e láminas, atopamos veas, pólas, follas de fieitos, pedras e candeeiros que crean unha atmosfera máxica.





Seijas é unha persoa moi espiritual cunha arte íntima e introspectiva, que abarca o seu interior e o universo enteiro. Por este motivo, a súa obra está cargada de maxia, misticismo e natureza, do mundo que habita. A artista retrata a inmensidade do ceo, a intensidade do lume, a forza da lúa, a calma da noite, a vida do bosque… Esta mostra recolle unha selección de obras realizadas nos últimos oito anos nas que podemos ver todo isto e máis. A exposición é un altar ao solsticio de verán, á noite meiga por excelencia. Inaugurouse o día anterior como homenaxe e benvida, a medio camiño entre o culto e a celebración.





Algunhas das imaxes están en branco e negro e outras a cor, algunhas son do tamaño dunha postal e outras do dun póster. Hai corpos, rostros, animais, plantas, corpos celestes. Hai tanto que ver que penso que o mellor é visitala en máis dunha ocasión, porque require -e merece- unha ollada atenta e aberta. Chaman especialmente a atención as pezas de tela intervida, que son manteis de segunda man da tenda da súa nai (El Rastro de Merce) sobre os que traballa. Gústalle a idea de que sexan obras colaborativas, bordadas por outras mans anteriores ás súas e pintadas por ela, apelando a unha sorte de inconsciente colectivo que consegue que o seu traballo sexa perenne.


“Altar” é unha das exposicións máis especiais que visitei nestes últimos meses. Conquistoume desde antes de entrar polo orixinal da proposta, diferente ao cadrado branco habitual e pensada ao detalle. Mirei a eses grandes ollos que teñen os personaxes de Seijas, sentín a fría brisa das noites de lúa que captura, escoitei os ruidiños da fauna do bosque e notei nas meixelas o calor dos seus lumes. A obra de Carmen é inmensa e profundamente evocadora. Transmitiume moita paz e inspiroume moito. Recoméndovos fortemente que vos acheguedes a ver o claro de lúa no que convertiu temporalmente a Sarao e que sigades o seu traballo. Agardo que sintades o mesmo ca min, xa me contaredes.




