- Título: Faces
- Artista: Luiggi O Tizón
- Comisaria: Carola Sánchez
- Ubicación: Espazo Vaina (Betanzos)
- Duración: ata o 17 de xuño
- Prezo: gratuíta

O domingo 14 de maio ás 12:30 inaugurouse en Espazo Vaina “Faces”, unha exposición de Luiggi O Tizón. Eu achegueime a vela case dúas semanas despois, un soleado venres 26 de maio no que daba gusto pasear pola beira do río Mendo. Alí recibíronme Iria Fafián e Borja Freire, dous dos catro fundadores do espazo. Iria é ilustradora e Borja técnico de son. Os outros dous fundadores son Carola Sánchez -que é restauradora- e Arián Quinteiro, director de fotografía.

Iria e Borja contáronme que Vaina é o resultado de moitas inquedanzas. Os catro buscaban un espazo no que traballar -para separar o ambiente doméstico do laboral- e os catro cren firmemente na importancia de descentraliza-la cultura, de evitar que se centre unicamente nas cidades e de levar propostas a núcleos urbanos máis pequenos pero igualmente necesitados de espazos culturais. Isto levounos a crear unha asociación cultural e a buscar un espazo no que traballar e levar a cabo actividades culturais, desde exposicións ata obradoiros.

Hai case un ano que inauguraron Espazo Vaina e neste tempo son xa varios os eventos que ten acollido, cunha moi boa resposta por parte do público local, que recibiu ao proxecto cos brazos abertos e palabras de agradecemento. A oferta de obradoiros é variada e abundante. Céntranse principalmente na artesanía e nos oficios (cestería, cerámica, bordado, máscaras), aínda que tamén inclúen propostas artísticas como o clube de debuxo con modelo. Para as exposicións priorizan o factor artístico, pero polo de agora sempre estivo presente tamén o compoñente artesanal.
Cando lles preguntei a Iria e Borja que era o que máis representaba a Vaina, ambos confirmaron que os dous piares do proxecto son a descentralización da cultura e a reivindicación da artesanía e os oficios, sempre comezando pola xente da contorna. “Faces” cumpre con todas esas intencións: Luiggi O Tizón vive en Mera e traballa coa madeira como artesán e como artista. Esta exposición recolle a maioría das máscaras que elaborou neste último ano, un proxecto que levaba tempo rondando a súa mente pero para o que nunca atopaba o momento. Cando por fin comezou a facelas, descubriu o cómodo que se sentía coa técnica.
Hai unha constante dualidade nas máscaras de Luiggi. Por un lado, un dualismo técnico: algunhas fainas con pezas de mobiliario (como comentaba Borja, na súa faceta máis artesá e menos artística traballa con mobles) e as outras fainas con madeira de piñeiro do país, á que prende lume para conseguir o ton escuro que as caracteriza, fascinado polas vetas que saen da madeira ao queimala. A outra gran dualidade presente nestas máscaras é a expresiva. Algunhas destas caras están enfadadas, porque o artista pensa que hai que estalo. As outras son simpáticas e burlonas, porque o artista defende que hai que tomar as cousas con humor.


Os materiais desta exposición son o piñeiro, o castiñeiro, refugallos de mobles, diferentes cores de acrílico e a cera coa que da unha capa protectora ás máscaras. As máscaras agrúpanse de diferentes maneiras: algunhas preséntanse en solitario ou en pequenos conxuntos, outras ocupan de arriba a abaixo a parede do fondo do espazo e as máis clariñas habitan a parede escura, destacando especialmente polo contraste entre os tons.

Ao entrar en Vaina, a parede da dereita está pragada de máscaras coas mans aos lados da cara facendo xestos burlóns e con expresións de susto/ sorpresa. O aire desenfadado deste grupo de caras é o de toda a exposición. Este proxecto transmite os ideais do autor: a reivindicación da indignación, a defensa do valor do xogo, o arraigo á terra, a consciencia ecoloxista e a importancia da expresión. Luiggi parecía predestinado a traballar deste xeito: o seu apelido é Tizón e o toque de lume apórtalles unha gran solemnidade ás súas esculturas de madeira.


Recoméndovos moito visitala exposición e xogar a imaxinar a historia que encerra cada un destes rostros, ollando as cuncas baleiras das máscaras escuras e os coloridos ollos das máscaras feitas con material reciclado. Esta lexión de faces de Otizón non para de medrar e de plasmar estados de ánimo que deberíamos expresar con máis frecuencia da que o facemos. Varias das que colgan das paredes de Vaina xa están vendidas, pero igual chegades a tempo para atopar unha coa que vos identifiquedes e que vos viría ben ter na casa. Bulide, que voan!