“Unnamed Road”, exposición de Narelle Jubelin na galería Nordés

  • Artista: Narelle Jubelin
  • Comisarias: Narelle Jubelin e Chus Villar
  • Ubicación: Galería Nordés
  • Duración: ata o 8 de setembro
  • Prezo: gratuíta

O pasado 1 de xuño inaugurouse na galería Nordés “Unnamed Road”, a segunda exposición individual de Narelle Jubelin neste espazo. Jubelin é unha artista visual australiana que leva case trinta anos vivindo en Madrid, cunha obra fortemente relacionada coa arquitectura do Movemento Moderno e pragada de reivindicacións sociais. Foi representada pola galería Mori de Sidney e pola Marlborough Contemporary de Londres, e agora esa labor recae sobre a galería The Commercial (Sidney) e a galería Nordés (Santiago de Compostela).

A segunda é a que nos atañe hoxe. Fundada por Chus Villar, Nordés materializa a súa visión da Arte nun pequeno local no número 39 da Algalia de Abaixo. Villar tomou prestado o nome do vento para bautizar ao seu proxecto, establecendo un paralelismo entre a arte contemporánea e ese aire galego tan forte que remove as mareas, aclara o ceo e pode chegar a ser perigoso nalgunhas situacións. Igual que o Nordés, a Arte pode ser beneficiosa ou molesta, sendo fundamental que sempre remova cabeleiras ou pensamentos. Chus inaugurou esta galería hai seis Nadais, o 21 de decembro de 2017, cunha exposición de Pablo Barreiro. Trinta e tres exposicións despois, Narelle repite en solitario con “Unnamed Road”, claramente en harmonía con “Camino Primitivo”, a súa outra mostra individual en Nordés.

Jubelin é unha artista tremendamente conceptual que traballa tendo sempre moi en conta o contexto. O seu traballo é profundamente íntimo e autorreferencial, reflectindo os seus intereses e conviccións: a arquitectura, o social, o feminismo… Non é casualidade que o soporte que máis a caracteriza sexa o bordado -empregando concretamente a técnica do petit-point-, historicamente considerado arte menor por ser labores de mulleres. As labores das mulleres forman parte do camiño desta exposición, que parte de “Nalgures”, a mostra que inaugurou Jubelin no CGAC hai aproximadamente un ano e que serviu como punto de partida de Unnamed Road.

A historia é bastante especial. Na clausura de “Nalgures” -exposición protagonizada pola memoria da paisaxe e as construcións humanas, cunha forte presencia da arquitectura e a auga- Anna Turbau agasalloulle a Narelle unha fotografía que tomou no 1975 na que aparecen unhas mulleres novas lavando a roupa no lavadoiro do Poblado do Vao, un asentamento xitano en Pontevedra. Nesa foto comeza ese camiño sen nome que resultou nesta mostra, onde Jubelin descubriu os proxectos urbanísticos de Pascuala Campos e César Portela e rematou no controvertido cemiterio civil de Portela.

No momento da clausura e do agasallo tanto Turbau como Jubelin estaban de loito, a primeira pola morte do seu marido e a segunda polo pasamento do seu pai. “Unnamed Road” é para eles. O dó é sempre misterioso e complicado, nunca segue un mesmo sendeiro e hai que percorrelo en solitario. O percorrido de Narelle pasa polo cemiterio de Portela, do que admira ese carácter escultórico e solemne que rende culto á vida, aos mortos e a eses ouveos das persoas en loito que ao principio levan dentro o temporal que fai bater as ondas contra as rochas, e máis adiante visitan aos seus seres queridos e perdidos coa serenidade da brisa leve que abanea a herba.

Jubelin captura tres fotografías do cemiterio de Fisterra en bordados de algodón sobre liño de pequeno tamaño e gran detalle que levan detrás moitas horas de traballo. Están enmarcados por un carpinteiro que, baixo as meticulosas ordes de Narelle, talla uns marcos de madeira de eucalipto, que tenden unha ponte entre a flora autóctona da súa Australia natal e a paisaxe galega tristemente conquistada pola especie invasora. Os bordados penden das paredes acompañados duns bronces que fundiu nos noventa en Londres e sobre os que volveu a traballar agora en Galicia porque non estaba convencida coa pátina, recocéndoos con piñas e resignificándoos. Estes bronces parten de diferentes embalaxes de cartón que Narelle convirte en esculturas que falan do que protexe, do que ampara. Entre os bronces e os bordados pendura unha tela verde que é unha peza de punto calcetada por Jubelin empregando mohair, unha fibra delicada e esponxosa.

O cemiterio de Fisterra de Portela é unha poesía arquitectónica que fala do fin da vida no fin da Terra. “Unnamed Road” móvese entre o pictórico e o construtivo para falar da perda pero envolvela nunha aperta, protexendo con duros embalaxes e envolvendo con suaves tecidos. É unha mostra pequena composta por apenas dez pezas que máis que declarar, murmuran. Jubelin comparte con nós parte do camiño que percorre. Non afirma que ese sexa o camiño que hai que percorrer, non lle pon nin nome. Simplemente, ensínanos unha forma de velo, de vivilo e de sentilo. Non impón un discurso ou unha conclusión, mostra un proceso: o seu proceso. É un traballo moi íntimo e delicado cargado de auga salgada: a do mar que rodea Fisterra e a das bágoas que acompañan á perda.