- Título: Auga Ferida
- Artistas: A. M. Cabanes Fontao
- Ubicación: O Museo Pequeno (A Coruña)
- Duración: ata o 7 de abril
- Prezo: gratuíta

O pasado 2 de febreiro a artista coruñesa Cabanes Fontao inaugurou a súa instalación “Auga Ferida” en O Museo Pequeno, no baixo once do número 86 da rúa Real da Coruña. Neste edificio de comezos do século XX encóntranse as galerías comerciais Centro Real, nas que hai unha perfumaría, unha pastelería, unha librería, unha cafetería, unha floraría, unha tenda de roupa e, desde novembro de 2022, unha pequena galería.
Mar Abella é a responsable deste museo pequeno ao que non se pode entrar pero do que pode desfrutar todo o mundo, sen discriminación algunha. Artista, educadora e comisaria de exposicións, Mar traballou durante case trinta anos en Los Angeles desexando sempre volver á súa Galicia natal. A pandemia atrasou a súa volta, pero non os seus plans. Tiña claro que quería crear un espazo cultural no que exhibir arte local e poñela á disposición do público, e que quería un edificio histórico e especial. Tras moito buscar atopou o espazo perfecto: ese baixo da galería de Centro Real era ideal para esa proposta cultural diferente que ela tiña en mente.
Esta é a sexta exposición que alberga O Museo Pequeno. Abella descubriu o traballo de Cabanes Fontao nunha exposición colectiva en Santiago de Compostela, gustoulle o seu estilo e pareceulle moi importante a súa mensaxe, especialmente despois da traxedia dos pellets na costa galega. Propúxolle facer unha instalación no espazo e a artista accedeu encantada, movidas ambas por unha mesma concienciación medioambiental, por un mesmo amor ás nosas praias e unha mesma preocupación polo noso océano. Así naceu Auga ferida, unha exposición que fala da importancia de coidar da nosa auga.
Cabanes entende que a arte ademais de ter en conta a estética e a composición debe ter unha función social, que é preciso o compromiso coa sociedade. Como artista ela céntrase especialmente en denunciar a contaminación. Naceu e creceu en Galicia e sinte unha gran conexión coa natureza, cos verdes e azuis da nosa terra. Por esta razón, rómpelle o corazón atopar plásticos e lixo contaminando mares, montes, praias e montañas. Decide loitar contra esta lacra recollendo ese lixo e empregándoo nas súas obras, converténdoo en arte e expoñéndoo ante o público para facer que recapacite.
Cando Mar contactou con ela aceptou de bo grado a invitación para ocupar O museo pequeno, reto que afrontou con ledicia e gañas. Esta galería ten a particularidade de que parece máis ben un escaparate, porque o público non pode entrar, só pode ver desde fora. Cabanes viuno como unha oportunidade para xogar, para facer algo diferente. Seguindo con esta investigación artística das consecuencias das accións do home sobre a natureza, decidiu recrear algún lugar de Galicia nun futuro que semella apocalíptico pero que en realidade non está tan afastado coma pensamos se nada cambia.
Auga ferida presenta unha paisaxe baleira e lúgubre con area no chan e montañas grises de fondo na que non hai vida nin movemento, só plástico e morte. Os tres puntos clave da instalación son a aire, a terra e a auga: ese aire que non corre, esa terra que está seca e morta e esa auga ferida que non queda. Sobre esta base atopamos outros elementos escultóricos que complementan a paisaxe: as nasas que descansan na area e as estructuras de arame que penden do teito. Todo está cheo de lixo, tanto esas formas orgánicas que colgan e recordan a esqueletos de animais que entendemos que hai moito que morreron como esas nasas que están tumbadas na area e sabemos que xa nunca máis capturaran alimento. O panorama é desolador.


De súpeto, un pequeno atisbo de esperanza. Un pequeno sorbo de vida. Entre todo o lixo esparexido pola area, unha botella pechada contén auga no interior. Esa é a única lembranza do que nalgún momento debeu facer que esa praia tivera montañas verdes e non grises, tivera nasas con peixes e non con plástico, tivera ceos con nubes e non con arames. En Auga ferida só queda un sorbo atrapado precisamente no material que acabou con todo o seu ciclo.
Este é o corpo central da instalación, que se complementa cunha estreita vitrina no lateral dereito e cun corpo superior. Na pequena vitrina da esquerda expón unha serie de plásticos recoñecibles de envases de iogures, bolsas de snacks e botellas de produtos de limpeza coa data á que pertencen e a data na que os recolleu. Vendo o bo estado no que se conservan é imposible ignorar o lento que se degrada o plástico e o problema que supón empregalo como material de un só uso. Por último, a parte superior está presidida por unha pantalla na que se proxectan diversos videos da artista traballando e concedendo entrevistas. A ambos lados hai dous cadros nos que combina a pintura acrílica con máis fragmentos plásticos.




Auga ferida é unha mostra reivindicativa e poderosa que lanza unha mensaxe contundente e que insta á acción. Cabanes usa materiais recollidos en praias e bosques co obxectivo de limpar a natureza e invitar á reflexión, de “convertirnos en axentes do cambio en canto aos nosos hábitos de consumo deste tipo de materiais”. É unha sorte que Mar decidira apostar crear este espazo tan orixinal en Coruña e que falara con Cabanes para esta facer instalación tan importante, tan reivindicativa e tan poética. Oxalá sanemos esta ferida antes de que chegue a verse unha praia así de baleira e así de gris.