“Lindeira”, exposición de Sonia Navarro na galería Vilaseco

  • Título: Lindeira
  • Artista: Sonia Navarro
  • Comisario: Miriam Vilaseco, Carolina Núñez e Cristina Veiras
  • Ubicación: Galería Vilaseco (A Coruña)
  • Duración: ata o 27 de xullo
  • Prezo: gratuíta

O pasado xoves 27 de abril inaugurouse a primeira exposición individual de Sonia Navarro na Galería Vilaseco. A artista murciana optou por falar cos asistentes en grupiños reducidos no canto de facer un discurso para todo o público, preferindo establecer diálogos e non pronunciar un monólogo.

Foi unha sorte poder comentar con Sonia o seu traballo, centrado no feminino e no rural mediante o téxtil. Esta liña temática ven marcada polas súas avoas: mulleres que, pese a no ter tido a oportunidade de estudar, ensinaron a Navarro todo aquilo que non se aprende na universidade, ese saber popular transmitido de xeración en xeración. O título de “Lindeira” homenaxea a esas mulleres que saben por onde vai a linde sen necesidade de mapas, que traballan coas mans na horta e na tela e para as que é case imposible saír dunha zona acoutada por unhas liñas invisibles aos ollos alleos pero que as encerran no campo.

Primeira sala de “Lindeira”. Foto extraída de https://www.vilaseco.com/portfolio/lindeira/

A exposición está composta por dez pezas elaboradas con diversos materiais como o esparto, o fieltro, o papel ou a madeira. Ao entrar na primeira sala topámonos con catro impoñentes balcóns que ocupan a parede principal. Creounos pensando nos ajuares que sacaban as mulleres do sur aos balcóns durante as festas, presumindo con orgullo das súas mellores labores.

Caminos de trazo, foto propia.

Fronte aos balcóns colgan tres dos oito collages que compoñen “Caminos de trazo”, unhas pezas nas que Navarro mestura patróns de costura e planos de cidades debuxando con pespuntes os camiños. Esta obra naceu dun experimento que fixo coas súas avoas, capaces de seguir sen problema un patrón de xastre pero con grandes dificultades para comprender un plano urbano. A última peza da sala é L.A.I., un collage de pequeno formato realizado en feltro sobre bastidor con figuras que evocan ás pernas femininas.

Dunha primeira sala centrada na tela e o fío chegamos a unha segunda sala centrada no esparto. Aquí atopamos as dúas obras que completan a mostra: dúas grandes pezas en relieve realizadas con esparto tinguido e sen tinguir que colgan das paredes coa caída lixeira dunha tea pese ao seu grosor. O xogo de luces e sombras que conseguen eses pregos converten ao esparto en material escultórico, saíndo da parede e creando un espazo propio.

“Lindeira” plasma todo un discurso en apenas dez obras, reivindicando o valor do traballo desas mulleres dedicadas ás labores manuais e apremando ao espectador a valorar a artesanía. A reinterpretación que fai Navarro dos elementos relacionados coa costura que tan ben entenden as súas avoas para levar ás súas ensinanzas ao mundo da arte contemporánea é unha homenaxe tan orixinal como potente. As obras de Sonia desmontan as lindes e conseguen que o rural conquiste todo a base de pespuntes, bordados e trenzados, colgando plantas das paredes e reinventando os planos.