“Nada me pertence Tudo faz parte de min”, exposición de Sol Mariño na Asociación Cultural Alexandre Bóveda

No mediodía do pasado sábado 27 de maio inaugurouse “Nada me pertence Tudo faz parte de min” no primeiro andar do número 36 da rúa de San Andrés da Coruña, no espazo da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. A presidenta da asociación, María Xosé Bravo, contoume que esta é a terceira exposición que inauguran neste local. A primeira foi a de Luísa Villalta, coa que comezaron para reforzar a súa reivindicación da importancia desta autora na literatura galega, demandando o recoñecemento que merece. Honrando á súa figura montaron unha mostra con poemas de Luísa e fotografías de M. d’Outeiro. A segunda exposición chamouse “Retallos de Papel” e exhibiu o traballo de “Mariaxe Colaxe”, a parte da actriz Chus Álvarez que se dedica ao collage. A terceira perténcelle á fotografía de Sol Mariño.

É un pouco difícil definir esta mostra, porque o que Sol expón aquí non é exactamente o traballo dunha época determinada ou un proxecto específico. Durante case un mes ese primeiro andar do número 36 de San Andrés abrirá unha xanela ao interior da artista. Trátase dunha exposición profundamente íntima, con darredor de dúas decenas de fotografías tomadas ao longo de máis dunha década e cun océano de por medio: a foto máis vella é do 2011 en Brasil, e a máis recente do 2022 na Galiza. Sol captura escenas tan cotiás como cautivadoras, conseguindo contar unha historia con cada disparo. Son imaxes que demostran unha gran sensibilidade, que falan dunha ollada atenta, e que se poden desfrutar sen coñecer o contexto, pero que encerran algunhas das vivencias que compoñen á artista.

É por este motivo que visitala exposición é unha experiencia cultural estupenda, pero visitala con Sol é practicamente transcendental. Aproveito para apuntar que os martes 6, 13 e 20 de 19:00 a 19:30 poderedes acudir ás visitas guiadas por ela mesma, absolutamente imperdibles. Por se acaso non tedes ocasión de achegarvos, déixovos algunhas das palabras que compartiu conmigo:

Esta fotos veñen acompañándome varios anos, dun xeito recorrente, con un vínculo moi íntimo comigo e as miñas experiencias de vida. Representan para min un propósito, o desexo, dun xeito de vincularse co territorio físico, humano e emocional. Como vincularse coa vida, co camiño que percorremos e que nos percorre.

Estas fotos están moi presentes na miña memoria, traendo os momentos nos que foron tomadas e dalgún xeito o peso simbólico que pra min teñen e agardo transmitir. Son momento aparentemente sinxelos, actividades cotiás que teñen que ver con saberes ou prácticas tradicionais… a colleita por exemplo, o vínculo con algo básico como o alimento. E tamén situacións da vida, tan comúns pero especiais ao mesmo tempo. A gravidez, colectar os teus propios allos e coselos nunha ristra, un baño na fervenza, unha casoupa sentida como fogar, a pel dunha serpe que mudou no teito da casa, coller o inhame da terra co peito espido porque vai calor. Non hai nada extravagante mais ao mesmo tempo os ollos co que mires aquilo poden tornalo o máis especial do mundo.”

Mariño viviu sete anos entre Brasil e Arxentina e pasou seis sen vir á terra que a viu medrar. O regreso foi complicado. Volveu fisicamente no 2016, pero tardou en reatoparse e reunirse, dividida en dúas vidas en dous continentes diferentes. Estas fotos forman parte de todo isto: do vivido alí, do vivido aquí, da súa identidade e do seu camiño vital. A disposición non é cronolóxica porque o obxectivo non é ordenar momentos, senón falar dos intres que nos compoñen, do mesmo modo que non estaba de viaxe en Sudamérica; vivía alí.

A mostra non é especialmente grande, porque tampouco o é o espazo, pero nela atopamos fotografías da natureza e de momentos cotiás, como unha percebeira traballando ou unha entrada cos zapatos tirados polo chan. Algunhas das imaxes están en branco e negro e outras  a cor. Algunhas abarcan quilómetros e outras céntranse en detalles, como unhas mans engurradas ou un ventre habitado. Algunhas están enmarcadas por anacos de madeira recollidos e tratados pola artista. Algunhas conforman conxuntos e outras colgan en solitario. Algunhas falan de comezos e outras de finais. Todas falan de Sol.

Unha parte que non mencionara ata agora e que é bastante fundamental para entender esta exposición é As alas da serpe, o poemario que publicou Sol hai pouco máis dun mes e que fai de maneira literaria o que estas fotos fan de maneira pictórica. O libro divídese en seis capítulos, e os dous últimos préstanlle o nome á exposición (capítulo 5- nada me pertence; capítulo 6- tudo faz parte de min). Esta dupla fala dun sentido de pertenza mutuo e establece un diálogo entre os lugares que integran á artista, referíndose ao seu desexo de habitar a vida, o territorio e a nós mesmas.

Comezar cunha frase en galego e rematar cunha en portugués engloba a súa experiencia e a súa forma de entender a vida, e ese “tudo” da segunda é particularmente revelador. O noso “todo” divídese en dous no portugués: “todo” e “tudo”. “Todo” é no sentido de “completo” ou “enteiro” (un día enteiro – todo un día). “Tudo”, refírese á totalidade absoluta, a todo o que hai (vivilo tudo). Estas dúas frases definen a forma de vivir de Sol dunha maneira sinxela e poética,  transmitindo unha gran serenidade e solemnidade. A consciencia da nosa propia pequenez en relación ao mundo que habitamos e da totalidade que abarcamos é algo ao que só se chega conectando co noso interior e co exterior que nos rodea, mediante un traballo introspectivo e practicamente meditativo ao que moita xente opta por non enfrontarse. Sol olla cara adentro e atende ao de fóra, explora tudo e o vive, o sinte, o captura e o comparte.

O primeiro andar do número 36 da rúa de San Andrés recolle durante estes días todo iso que a artista comparte e tamén todo o que encerra. Foi ela quen comisariou a exposición, foi ela quen seleccionou a orde das fotografías e foi ela quen recopilou as madeiras en Corme e as traballou mentres se traballaba a si mesma. Esta exposición terá continuidade nun segundo evento o próximo 16 de xuño en A Tobeira de Oza, onde presentará o seu poemario ante todo aquel que queira perderse entre os seus versos e reencontrarse co universo. Recoméndovos moito que visitedes a expo, que acudades ás visitas guiadas, que olledes con calma as fotografías e que as fagades vosas. É unha sorte que Sol sexa así de xenerosa e humilde á hora de compartir a súa esencia. Aínda que esta mostra non lle pertenza, a parte que fai dela é unha brisa lixeira.


Posted

in

,

by

Comments

Deixar un comentario