- Título: NÚAS. nosso estranho amor.
- Artista: Sol Mariño
- Ubicación: Atelier de Fotografía (praza da Cortaduría, nº 3, baixo.
- Duración: ata o 29 de maio
- Prezo: gratuíta

O pasado 3 de maio Sol Mariño inaugurou “NÚAS. nosso estranho amor.” no Atelier de fotografía, ubicado no baixo do número 3 da praza da Cortaduría da Coruña. Nunha poética antítese, a chuviosa tarde primaveral contrastaba xa non só co nome da artista, senón tamén co calor que encheu o interior do espazo, no que non cabía un alfinete.
O Atelier de fotografía abriu na cidade herculina hai un lustro por amor á fotografía clásica. Este espazo, fundado por Macarena Garay Salazar e Pep Paramos, dispón dun estudo de fotografía, un cuarto de escuro para revelar e unha zona de exposición. Macarena e Pep entenden o Atelier como un espazo colaborativo, aberto ao público para á divulgación da fotografía. Ofrecen numerosas actividades e obradoiros con artistas locais, e as mostras teñen unha rotación mensual.
Chegou o turno de Sol e ela, da que xa vos falara o ano pasado cando visitei a súa exposición na sede da Alexandre Bóveda e de quen escribín un artigo para a revista Dot, decidiu encher o Atelier de fotografía e de poesía. Ao carón da porta está o poema que da nome á exposición e no piso superior descansa no escritorio unha copia de “As alas da serpe”, o poemario de Sol que narra a súa experiencia vivindo ao outro lado do océano. En NÚAS. nosso estranho amor., a artista ábrenos as portas á súa intimidade con esa combinación de delicadeza e fereza que a caracterizan, sempre presentes na súa obra. Explicou na presentación que estas imaxes e o proceso de tomalas a achegaron a ver os espazos que habitaba e as persoas coas que convivía dun xeito diferente ao cotiá, e que retratalos era un xeito de espilos.
Polas paredes do Atelier vemos darredor de corenta fotos -na súa maioría en branco e negro- de persoas espidas que miran á cámara ou ignoran o obxectivo. Vemos espazos baleiros e deshabitados e espazos reconquistados e rehabitados pola natureza e polas persoas. Vemos figuras de pe, figuras trepando, figuras xogando, figuras repousando. Os elementos penden e descansan, as follas ábrense paso crecendo libres en lugares onde non estaban previstas e os adultos xogan como a sociedade entende que xa non deberían.
Se ben nas fotos predominan os corpos espidos, Sol contou que non era niso no que consistían as sesións, que a vontade de espirse era espontánea, non premeditada. O exercicio que estaban a realizar era outro, andaban máis ben procura de romper o espello de un mesmo, de sacar a máscara. Mediante esta práctica de honestidade co outro e cun mesmo reforzaban o vínculo e se encontraban. Todas estas fotografías son analóxicas, polo que non sabían cal sería o resultado ata o final, sendo o importante o proceso, o compartido. Sol afirma que o carrete final de cada unha destas sesións, destes exercicios, representa o baile que danzaron ante a cámara despoxándose de todo o que non eran, buscando o que son.
O máis especial desta mostra é que non se trata dun proxecto concibido como tal, non estaba pensado con antelación nin a artista o considera rematado. As imaxes que penduran do Atelier abarcan máis de unha década, sendo as máis vellas do 2009 e as máis novas 2023. Os escenarios (as azoteas de Buenos Aires, o tren en Porto Alegre, a casa da Gaiteira…) son espazos abandonados, okupados, anarquistas, cunha ocupación libertaria. Espazos que se sacaban das ruínas e se enchían de vida. Para a artista habitalos e convertelos no fogar en paralelo é habitarse a unha mesma.
Sol concluíu a presentación da mostra chea de agradecementos para os asistentes, para estes espazos que habitou e que a habitaron, para as persoas que percorreron con ela parte do camiño e que en certo modo tamén o conformaron, para Pep e Macarena por cederlle as paredes do Atelier, e para Marta Seco, quen a acompañou cun violín ao que fixo cantar con dozura mentres Mariño nos contaba un conto que escribiu hai unha década en Porto Alegre e está pendente de publicar. Foi unha beleza de acto.
Podedes visitar esta mostra ata o 29 de maio e imaxinar como os pasos desa danza que Sol describiu na que dúas persoas buscaban espirse de toda carga e de todo prexuízo para bañarse na máis pura liberdade.