“Xesús! 70 anos de Campos”, exposición de Chichi Campos na Fundación Luis Seoane

  • Título: Xesús! 70 anos de Campos
  • Artista: Xesús Campos Álvarez (Chichi Campos)
  • Comisario: Nico Campos
  • Ubicación: Fundación Luis Seoane (A Coruña)
  • Duración: do 21 de abril do 2023 ata o 1 de outubro do 2023.
  • Prezo: gratuíta

O pasado venres 21 de abril inaugurouse na Fundación Luis Seoane unha exposición individual da obra do humorista gráfico Xesús Campos Álvarez -máis coñecido como Chichi Campos- comisariada polo seu fillo, Nico Campos. A inauguración comezou ás 8 da tarde e media hora despois deron o discurso de presentación Silvia Longueira, Nico Campos e Xosé Díaz ante un público tan numeroso como atento.

Silvia Longueira -a directora da Fundación Luis Seoane- explicou que esta é a primeira retrospectiva en trinta anos sobre a obra de Chichi Campos, que se completa co documental “Chichi e máis eu” e unha publicación que editará a Fundación con traballos inéditos do artista pertencentes ao Fondo Documental de Chichi Campos. Ademáis, contou que dixitalizaron a tipografía Chichi Campos que será de uso libre, para que a súa obra permaneza.

Nico Campos agradeceu a posibilidade de reivindicar a figura do seu pai, labor que comezou coa publicación de “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)”, unha reedición dun recopilatorio do 1992 que recollía os artigos de escritos por Campos entre o 1983 e o 1991. Esta nova edición, que conta con máis de trinta colaboracións, fíxose para recuperar á figura do artista e financiar “Chichi e máis eu”, o documental dirixido por Nico que elabora un retrato de Chichi mediante entrevistas a amigos, colaboradores e familiares. O comisario explicou que o recopilatorio se centra na obra escrita do seu pai, o documental na súa vida e a exposición na obra pictórica, buscando retratar todas as versións de Chichi e achegalo ao público novo.

Xosé Díaz é un dos patróns da Fundación, o fillo de Isaac Díaz Pardo e un gran amigo de Chichi. Nas súas palabras notábase o profundo aprecio que sinte por el, a quen definiu como “un personaxe dunha intelixencia extraordinaria que soubo diseccionar a época que lle tocou vivir”. Vendo a exposición é evidente que o cariño co que estaba pronunciada esta frase non lle quitou un ápice de verdade.

“Xesús! 70 anos de Campos” é a exposición máis grande das que comentei ata agora, reunindo máis de 300 pezas dun autor extremadamente prolífico que tristemente faleceu moito antes do esperable. Xesús Campos (1952-1991) naceu en Tenerife porque o seu pai era militar e estaba destinado en La Laguna, pero axiña volveu a Galiza e levouna sempre na sangue, na lingua e no trazo. O seu compromiso coa terra, a súa enorme cultura, a súa ideoloxía comunista e o seu agudo sentido do humor quedan plasmados nuns debuxos que retratan a Galicia dos anos setenta e oitenta de maneira intelixente, irreverente e impecable.

A exposición conta con fotografías, obxectos persoais, debuxos, cómics, revistas, libros de artista, deseños, guións e documentación diversa. Unha gran cantidade de material estruturado en dez seccións distribuídas entre dúas salas do andar superior da Fundación Luis Seoane. Bolchichismo, O outro Xesús, Convertendo a Castelao nalgo fácil de asubiar, O mundo según Campos e De vote en vote son algúns dos títulos destes apartados, que dividen temáticamente a obra de Campos en comunismo, relixión, cultura, sociedade e política. Tamén hai unha sección chamada Quiosco que recolle as publicacións periódicas nas que participou o artista e outra chamada Campos & Seoane que fala da súa relación con Luis Seoane, quen motivou a que Chichi e o arquitecto José Ramón López Calvo fundaran a histórica galería Mestre Mateo.

Non vou entrar a analizar cada apartado porque entón isto xa non contaría como breve recensión, pero hai algunhas cousas que considero dignas de mencionar. Gustoume especialmente o inicio da exposición, que comeza coa sección Chichi Campos as himself. Un mural con setenta fotografías pertencentes ao seu Fondo Documental, que amosan momentos chave da súa biografía. Vemos a Chichi cos seus pais e irmáns, con amigos, coa súa muller Anciñas Ripoll e o seu fillo Nico, como director da galería Sargadelos en Santiago de Compostela, participando en mitins ou manifestacións… Setenta imaxes en honor aos setenta anos que tería hoxe e que resumen unha vida rodeada de cariño, compromiso e reivindicación, enmarcadas dunha forma fermosa por Javier de la Rosa.

O corredor que une a primeira sala e a segunda ten unha galería de retratos de Chichi de diversos personaxes da clase política e cultural da época e remata na sección Catodicismo, que honra á súa labor como guionista dunha entón incipiente TVG. Tódolos apartados contaban con apoios dixitais: tablets con animacións de Manel Cráneo en base aos debuxos de Chichi e outras con cadernos dixitalizados que permiten que o espectador pase as páxinas sen danar o papel. A sección de Catodicismo conta ademais cunhas pequenas teles nas que se poden ver e escoitar eses programas que guionizou, un detalle moi interesante que causou furor entre as crianzas que estaban na inauguración.

A exposición é moi completa e está feita co amor e a admiración que sinte un fillo polo seu pai, unha homenaxe fermosa e moi ben disposta. Pese a que entendo a intención coa que se fai, considero que a cantidade de material pode resultar un pouco abrumadora, sendo unha mostra un pouco densa que require unha visita longa para poder vela en detalle. Moito que ler, moito que ver, un pouco que escoitar. “Xesús! 70 anos de Campos” desprega a fonda pegada que deixou Chichi Campos na cultura galega en apenas 40 anos de vida, unha labor loable e inolvidable.

Exposición de Street View Compostela no espazo de Acéfala en Monte Alto

  • Título: Street View Compostela
  • Artista: Sara Giunta
  • Comisario: Sara Giunta
  • Ubicación: Rúa Joaquín González, 73. Espazo de Acéfala en Monte Alto (A Coruña)
  • Duración: ata finais de abril
  • Prezo: gratuíta

No mediodía do pasado sábado 1 de abril inaugurouse en Acéfala unha exposición individual do proxecto Street View Compostela comisariada pola propia artista, Sara Giunta. Acéfala é un colectivo cultural horizontal sen ánimo de lucro que conta cun espazo autónomo e autoxestionado no barrio de Monte Alto, no que acolle propostas e actividades propias e externas. O colectivo ten entre os seus obxectivos a promoción e difusión da creación artística, cultural, técnica e filosófica e o fomento do pensamento crítico, liberdade e apoio mutuo.

Tendo en conta esas intencións, queda claro que é o espazo idóneo para expoñer as obras do proxecto de Giunta. En palabras da artista, o proxecto “nace influenciado, por unha banda, pola obra dixital de artistas como Jon Rafman ou Michael Wolf, que cuestiona a autoría da propia obra ao reapropiarse de imaxes capturadas pola empresa Google; pola outra, polo desexo de explorar os espazos limítrofes das cidades galegas (tomando como referencia a súa capital) onde se encontran o ámbito urbano e rural”.

Na conta de Instagram na que a artista comparte eses momentos capturados polos nove ollos de Google e recapturados polo seu rato hai máis de cen fotografías. Para esta primeira exposición, Giunta seleccionou un total de vinte que considera que resumen o proxecto, as súas influencias e as súas intencións. Sara estuda Historia da Arte e comezou streetviewcompostela nun duro momento persoal no que non era quen de saír á rúa. Comezou a pasear por Maps, fixándose nesas vidas captadas por Google, e decidiu recaptalas e poñelas en valor. Detrás da súa conta hai centos de horas de paseos virtuais por diferentes anos, e unha elección consciente de qué contexto incluír en cada fotografía e de como encadrala para que transmita a maior naturalidade posible.

Nas imaxes aparecen esceas cotiás interrompidas por ese obxecto estraño concentrado en mapealo todo. Así e todo, a vida segue. As caras aparecen difuminadas pero as posturas delatan as olladas directas da xente. O coche de Google pasa diante de xente tendendo a roupa, de señoras sentadas á sombra, de señores con ferramentas, de adolescentes xogando, de nenos andando, de veciños falando. A bola de cámaras non entende de intimidades, de horarios nin de ritmos, e intriga, incomoda e sorprende aos personaxes que vemos na obra de Giunta, que son persoas da vida real que simplemente estaban habitando o exterior.

A artista decidiu agrupalas imaxes por gamas cromáticas, creando un percorrido que comeza no verde do campo e remata no gris das aceiras dos barrios. É unha mostra pequena e íntima, profundamente evocadora que fala doutros modos de vida dentro e fora da cidade. O traballo de Giunta ofrece unha ollada moito máis amable que a dos seus inspiradores -Rafman e Wolf- representando o traballo e o descanso, a soidade e a compañía, o ritmo pausado e a roda que non deixa de xirar.

Podedes visitala ata finais de mes e podedes seguir a Sara en Instagram na conta de streetviewcompostela e na de diariostreetview, onde postea imaxes de toda a Galiza rural e non só da capital. A maiores, ten un proxecto de cerámica chamado ceramicaspombal onde comparte as pezas que realiza, cun estilo moi propio e dunha gran beleza.

“Pinta!” exposición de Raúl Álvarez na Sala de Exposicións de María Pita

  • Título: Pinta!
  • Artista: Raúl Álvarez
  • Comisario: Pedro Taboada de Zúñiga
  • Ubicación: Sala de exposicións do Palacio Municipal María Pita (A Coruña)
  • Duración: ata o 17 de maio
  • Prezo: gratuíta

O pasado venres 24 de marzo inaugurouse na Sala de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita (A Coruña) unha exposición individual da obra de Raúl Álvarez, comisariada por Pedro Taboada e titulada “Pinta!”. A inauguración comezou ás sete da tarde e apenas unha hora despois Diana Sobral -concelleira de Mercados, Comercio e Barrios- introducía os discursos de Pedro e Raúl ante unha sala repleta de persoas.

O comisario explicou que o nome da exposición é a palabra que máis lle repite ao seu amigo e artista. Contaba que cada vez que Raúl comeza a falarlle dunha idea para unha posible obra e desenvolve en palabras cada detalle da mesma, el responde simplemente “Pinta!”, animándoo a saír do bucle e coller o pincel. Unha chamada á acción tan fundamental para o traballo do artista que preside o seu estudo para que nunca a esqueza.  Pedro asegurou que “Pinta!” é un mantra e un refuxio, a mellor palabra coa que bautizar unha exposición individual do traballo do artista nestes últimos anos.

Raúl falando ante a atenta ollada de Pedro. Foto cedida polo artista.

Raúl, visiblemente emocionado, desfíxose en palabras de agradecemento para a súa familia e amigos, o público e os donos das súas obras que as cederon para ser exhibidas na exposición. Madrileño de nacemento e coruñés de adopción, leva case media vida vivindo na cidade de cristal. Aquí, o seu romance co mar traspasou o pensamento e materializouse nunha obra pictórica cargada de azul que ten como eixos principais a auga e a figura humano, nun estilo hiperrealista que consegue traspasar o visual e activar o resto de sentidos, con obras que recenden a salitre e soan como as ondas do mar.

Antes de cruzar o limiar da sala xa vemos resumido todo este discurso no cadro central. A exposición está formada por unha decena de agrupacións de cadros, pero hai un de gran tamaño que está unicamente acompañado polo nome do artista e o da exposición. É o quinto cadro da serie “Engullido por Poseidón” que consiste en autorretratos nos que o pintor está de costas ao espectador, en actitude tranquila e relaxada mentres olas xigantes se achegan a el. Unha obra moi potente que case se pode escoitar, cun contraste moi rechamante entre a calma e a furia e que nace da paz que lle transmite a Raúl pintar á auga, sentíndose “libre de medo ante unha situación caótica”.

Entrada de “Pinta!”, con “Engullido por Poseidón V” de fondo. Foto propia.

“Pinta!” non ten realmente un percorrido establecido porque funciona independentemente de por onde empeces, invitando ao público a pasear entre os conxuntos e contemplar o equilibrio entre os mesmos. Un detalle que chama a atención -ao meu parecer, dunha maneira moi positiva- é que os grupos de cadros non seguen unha orde cronolóxica ou estilística. Pregunteille a Pedro por esta disposición e contoume que o fixo co obxectivo de simular unha forma doméstica. Nunha casa non aparecen todas as obras dunha mesma serie, conviven diferentes estilos e diferentes autores. Pareceume todo un acerto.

Ao facer estas composicións con cadros de distintos períodos dentro da obra de Raúl, establécese un diálogo entre os mesmos que o espectador pode intentar descifrar. O comisario quería que cada peza recibise a suficiente atención, e ao romper coa estrutura cronolóxica convencional conseguiu individualizalas, facendo que destaquen moito máis que se estiveran rodeadas das súas compañeiras de serie.

Debo recoñecer que hai dúas series polas que eu sinto unha particular debilidade: a das brochadas tridimensionais que escapan do lenzo e a das tablillas de madeira cadradas con paisaxes marítimos. Así e todo, non sería capaz de escoller unha obra preferida porque houbo moitas outras que me sorprenderon gratamente; como “El imaginario de Leo”, un cadro intervido polo fillo do artista, ou “Acuatic hand I”, unha peza de acrílico e lapis sobre papel e madeira.

“Reflejos blancos” (óleo sobre madeira) e “El imaginario de Leo” (óleo sobre madeira intervido por Leo). Foto propia.

En “Pinta!” hai máis de medio centenar de obras de cadros que falan de natureza, inspiración e cor. Tódalas agrupacións teñen puntos en común e todas funcionan en solitario. Hai imaxes familiares, imaxes veraniegas, mares en calma e en tormenta e cranios que representan a cabeza do artista entre pinceis, tubos e libros de Historia da Arte. É unha mostra profundamente persoal na que podemos asomarnos ao proceso creativo de Raúl e coñecer as súas inspiracións, obsesións e motivacións.

“Apoio Mutuo”, exposición de Maz na galería Grelería

  • Título: Apoio Mutuo
  • Artista: Maz
  • Comisaria: Julia Lago
  • Ubicación: Galería Grelería (Rúa Arco, nº9, A Coruña)
  • Duración: ata o 11 de maio
  • Prezo: gratuíta

O pasado venres 17 de marzo inaugurouse na Galería Grelería (A Coruña) unha exposición de risografías de Maz comisariada por Julia Lago e titulada “Apoio Mutuo” que se poderá visitar ata o 11 de maio. A inauguración comezou ás sete da tarde e pouco a pouco encheu a praza de San Andrés de conversas, música e arrecendo a tortilla de patacas vegana.

A Grelería é tan pequena coma acolledora, e invita a deterse a contemplar todos os detalles que a compoñen e a habitar tamén o exterior, reconquistando unha praza xeralmente durmida. Apoio Mutuo comparte estas características: é unha exposición pequena, conformada por tres pezas, que capta a atención do espectador e planta nel unha semente de reflexión sobre a natureza.  A diferencia fundamental radica en que Apoio Mutuo non promove unha reconquista, senón unha ollada atenta e introspectiva.

Tiven a sorte de que poder falar con Maz sobre a exposición e a intención detrás dela. Contoume que é o froito dun exercicio que podería parecer un xogo. O seu obxectivo era divertirse coas formas da risografía conservando a frescura do lapis; levar o debuxo ao límite onde se roza coa pintura e explorar esas barreiras. O resultado son tres cálidas ilustracións onde predominan os verdes, amarelos e laranxas e nas que aparecen diferentes animais. Maz sinalou ás teorías de Piotr Kropotkin como fonte de inspiración temática, sendo o apoio entre especies o eixo vertebrador da exposición.

Na primeira obra aparece un mono tranquilamente apoiado sobre unha póla. Esta é a única das risografías nas que aparece só un animal, pero posiblemente sexa a que mellor representa a idea do apoio entre especies, sendo fundamental a árbore para o descanso do simio. O animal mira ao espectador e o confontra. Contábame Maz que inicialmente pensara en poñerlle un froito entre as mans, pero finalmente optou por deixalas baleiras para recalcar que non ten ningunha segunda intención, que simplemente está sendo, que “no se trae nada entre manos”.

Foto dun rapaz ollando as obras que compoñen Apoio Mutuo.
Cortesía de Julia Lago.

Na segunda, vemos  a dúas formigas de diferentes especies desprazando (portando?) xuntas unha folla de papel. Esta peza fixo voar bastante a miña imaxinación pensando en tódalas cousas que podía ser ese papel; desde un ticket ata unha lista da compra, pasando por unha pequena notiña de amor. Sinto que o contraste entre a natureza que inunda este deseño co gran espazo branco que queda no medio resulta profundamente evocador, como un silencio cargado de mensaxe.

 A última, que foi a escollida para o cartel da exposición, é un exemplo de autosuficiencia. Nesta risografía aparecen dúas galiñas: unha está poñendo un ovo e a outra o está comendo. Cunha serenidade envexable e completamente alleas ao mundo exterior, as dúas aves limítanse a existir e convivir, preocupándose unicamente de cubrir as súas necesidades.

Con apenas tres obras, Apoio Mutuo consegue lanzar unha crítica moi potente ao individualismo que praga os espazos urbanos, pero faino dunha forma amable e apracible. O espectador pode escoller entre simplemente admirar a forma das imaxes ou tamén reflexionar sobre o contido dos deseños. Unha exposición moi recomendable que pode verse nuns minutos e comentarse durante horas.

Foto dun grupo de rapaces comentando a expo. Cortesía de Julia Lago.

Exposición de Flavita Banana en galería Maraca

  • Título: EXPO FLAVITA BANANA ¡LOS AUTÉNTICOS DIBUS ORIGINALES!
  • Artista: Flavita Banana
  • Comisario: Raul Bermudez Dominguez
  • Ubicación: Galería Maraca (Rúa do Doutor Cadaval, 12, Vigo)
  • Duración: ata o 12 de abril do 2023.
  • Prezo: gratuíta.

O pasado xoves 16 de marzo inaugurouse na Galería Maraca (Vigo) unha exposición de orixinais de Flavita Banana que se poderá visitar ata o 12 de abril. A inauguración da exposición serviu ao tempo como presentación do último libro da autora, Archivos Lunares, unha recompilación dos seus mellores chistes dos últimos anos.

O comisario da exposición, Raúl Bermúdez, foi o encargado de entrevistar á autora na presentación do libro. A entrevista sentiuse máis ben coma unha charla distendida entre amigos, coma un capítulo de Domingo de Bajón (o podcast de Flavita e Ricardo Moya en Podimo) no que no canto de estar Ricardo, aparece Raúl. A galería estaba abarrotada de xente, cos cristais embazados polo contraste entre a incesante choiva galega do exterior e a multitude concentrada no interior. Un público atento e entregado que deixaba escapar gargalladas de vez en cando pero sen interromper nunca a conversa.

A charla/conversa/entrevista durou darredor dunha hora, e durante ese tempo Flavita falou dunha forma moi honesta do seu desfrute da liña e da expresión, da súa personalidade ambiciosa que fai que sempre teña novas metas que conquistar, do seu camiño ata chegar a onde está e do futuro que imaxina, confesando que o soño da súa vida é ter un viveiro e adicarse a ser xardineira. Explicou que ela é debuxanta, non ilustradora; porque ilustrar é poñer imaxes a textos e ela escribe, ilustra e xera o contido, as palabras.

É difícil definir a Flavita porque son moitos os termos que poden servir para identificala e ningún abarca por completo a súa esencia. Artista, viñetista, cómica, ela descríbese a si mesma co termo catalá “ninotaira”, sendo ninot un personaxe debuxado e ninotaira a persoa que debuxa os ninots. O ninots de Flavia son facilmente recoñecibles grazas ao estilo tan propio que ten. Como curiosidade, contou que como decidiu que non tiveran ollos ten que esforzarse particularmente nas súas posturas, en facer que os corpos transmitan as emocións.

Os orixinais expostos na Galería Maraca transmiten unha chea de emocións, tratan temas cotiás e fan reivindicacións sociais desde un ton tan distendido como o da conversa entre Flavia e Raúl. Subindo as escaleiras da galería, nese segundo piso da mesma que rodea ao primeiro, colgan nas paredes decenas de orixinais da ninotaira enmarcados en sinxelos marcos negros con paspartús da mesma cor. Orixinais que falan da meritocracia, do patriarcado, da emigración, da explotación e da autoexplotación; pero tamén da natureza, da lectura e da ambición.

Paga a pena visitar a exposición, desfrutar do proxecto tan interesante que é a Galería Maraca e seguir de cerca a Flavita Banana antes de que deixe todo para irse coas plantas.