“Animales de agua”, exposición de Raúl Álvarez e Manuel Moranta na Galería Dupla

O pasado xoves 22 de xuño, xusto o día despois do comezo oficial do verán, inaugurouse Animales de agua na galería Dupla. Os artistas emparellados nesta ocasión son Raúl Álvarez -o madrileño namorado do mar do que xa vos falei hai algunhas entradas– e Manuel Moranta, artista, docente e director creativo tarraconense especializado na poesía visual. Con este dúo tan poderoso e refrescante Lucía finaliza unha primeira temporada en Dupla cargada de exposicións marabillosas, prometendo un segundo curso aínda mellor, se é que iso é posible.

En Animales de agua o lado dereito da galería pertence á auga doce de Moranta, que flúe desde un cabalo de mar e de terra ata unha cabeza con dous rostros, pasando polo mar e o ceo, piscinas, peixes, bágoas e ata cebolas. Sobre papel e madeira e empregando unicamente grafito e acrílico azul ultramar, o artista consegue resumir en imaxes sinxelas e poucas palabras conceptos, ideas e sentimentos que poderían desenvolverse en extensos ensaios. Falando con el queda claro que el mesmo podería escribilos, porque a fascinación e o respecto que sinte pola auga é imposible de capturar en dúas ou dúas mil palabras. Isto é o que me contou sobre a súa relación coa auga e a importancia e influencia desta no seu traballo:

El agua y el azul son temas fundamentales de mi obra. Mi infancia fueron las aguas controladas de la piscina familiar, mi vida adulta son las aguas abiertas del mar, el horizonte, las estrellas.

Descubrí que el agua está llena de formas vivas, no son peces ni vegetación. Son palabras y signos que mutan continuamente en otras palabras y en otros signos. Llevo años acumulando observaciones en trozos de papel, en libretas, en cantos rodados, en troncos, en muros. A partir de estas observaciones he creado un lenguaje propio. Entre la poesía y la filosofía. Un género híbrido de imágenes y palabras.

Comezou a pintar co azul facendo honor á auga, e por iso se decantou polo azul ultramar. Aínda que nesta mostra só hai azul, tamén traballa co negro e o vermello: o primeiro porque concentra toda a atención no concepto e o segundo por ser a cor das emocións. Tomou a decisión de representar o mundo nestas tres cores porque cre no potencial creativo dos límites. Para moitos sería todo un reto reducir tanto a gama cromática, pero Moranta está cómodo e seguro con este trío que, nas súas mans, é infalible.

Penso que Manuel estaba destinado a expoñer en Dupla porque a dualidade é unha constante na súa obra. Traballa con acrílico e grafito, representa en imaxe e texto e debuxa coa man esquerda e escribe coa dereita. O artista crea duplas ás que chama “dibujofrases”, termo que define como “un aforismo en el que la palabra cede la mitad de su país al dibujo”. Contoume que desde o principio tivo claro que o seu eran os aforismos pintados e escritos, explicando que esa vontade de codificar a realidade seguramente sexa consecuencia da súa licenciatura en Dereito. “Aunque no ejerzo, mi trabajo actual sigue siendo de alguna manera argumentar, defender, buscar la palabra y la imagen adecuada”. As pezas que penduran das paredes da metade dereita de Dupla aseguran que fai ese traballo á perfección, alcanzando un equilibrio insuperable entre imaxe e palabra. Abarca desde a auga dunha bágoa ata a do océano, nun fluír sereno, poético e azul.

Na metade esquerda da galería surfean os animais de auga salgada de Raúl, despreocupados e en total sintonía coas ondas. Os seus óleos e acrílicos sobre madeira inclúen todos os tons de azul e danzan entre a figuración e a abstracción, capturando de forma realista planos que en realidade non se visualizarían así, pero que nos mergullan cos seus protagonistas. Nesta mostra podemos ver once pezas de Álvarez: catro surfeiros, dúas inmersións e sete mares.

Os surfeiros pertencen a unha serie chamada Espera que o artista comezou hai anos e retomou recentemente para esta exposición. Son perfectos para esta mostra porque, tal e como apunta Lucía, a dupla persoa e táboa converte ao surfeiro nun animal de auga, que organiza a vida en torno á marea. No canto de representalos subidos á cresta da onda, Raúl opta por compartir as escenas previas, menos espectaculares pero igualmente importantes. Vemos corpos sentados sobre a táboa agardando ao momento adecuado e corpos nadando chegando ao lugar adecuado. Como estamos acostumados a ver capturados eses puntos álxidos dos surfeiros sobre a onda, a visión que ofrece Álvarez nesta serie resulta particularmente refrescante, ademais de transmitir unha gran serenidade. Esta serenidade se complementa e incrementa coas dúas refrescantes inmersións e os sete calmos mares.

Recoñezo que eu sinto debilidade por esas táboas de 20×20 nas que Raúl consigue abarcar o ceo e o océano en tan só 400 centímetros cadrados. Xa foran algunhas das pezas que máis chamaran a miña atención en Pinta!. Aquí, acompañando aos surfeiros e aos mergullados, contaban unha historia fermosa de todo o que encerran esas augas impoñentes, das criaturas que as habitan e desfrutan.

Cando falei antes das once pezas de Álvarez realmente estaba deixando fora unha, situada entre a xanela e a porta, no centro da galería. Esta peza é Mare Lucía, un óleo sobre lenzo feito no estilo dunha serie na que Raúl traballou durante o confinamento empregando un filtro de Instagram sobre selfies que consegue un efecto de reflexamento do rostro na auga. Neste caso, acompañou o retrato con dous peixes que nadan darredor de Lucía, a animal de auga que fundou e dirixe a galería. O seu pelo mollado e a súa ollada aberta e directa resumen nun cadro a identidade acuática da protagonista, que emerxe temporalmente das augas para achegarnos esta exposición na que un madrileño e un catalán se reúnen en Santiago de Compostela para falar da auga, metendo o océano enteiro no número nove da rúa Fonte de Santo Antonio.


Posted

in

, ,

by

Comments

Deixar un comentario